Para quen ande no día da Patria polo Festigal en Santiago, dicirlle que como de costume, haberá actividades culturais e presentacións de produtos creativos e/ou tecnolóxicos para tódolos gustos. Entre as que máis nos van coller de preto, tematicamente falando, está sen dúbida unha interesante proposta de Estefanía Mosquera, que vai presentar unha obra que reflexiona arredor de como somos, como falamos e como escribimos, agora que fomos varridos pola marea do dixital. O libro Lingua galega e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS é froito da súa tese na Universidade da Coruña (a tese Lingua e novos soportes comunicativos), tal e como ela mesma sinala nunha interesante entrevista que serve en boa medida de adianto do que poderemos atopar entre estas páxinas: unha exhaustiva análise dos cambios que xeran na linguaxe os novos códigos da Rede.
Cambios que ao seu xuízo teñen xerado desconfianza en eidos como o do ensino, onde se cre, entre un bo número de profesores, que as achegas do eido TIC acabarán coa lingua estándar e contribuirán a crear un alumnado incapaz de asimilar a variedade normativa.
Na súa opinión, cousas como as mensaxes de texto, as redes sociais ou os chats constitúen por si mesmos novos xéneros textuais aos que cómpre ter en conta xa non só como obxecto de estudo senón como elementos potencialmente enriquecedores, “perfectamente válidos para traballarmos lingua e tamén literatura”, sinala Estefanía na devandita entrevista de Praza.com. A maiores, engade, este tipo formatos e códigos poden ser o devecido instrumento universalizador do ensino polo que moitos estabamos a agardar. Ou sexa, ferramentas para fomentar unha participación maior na aprendizaxe, tanto dentro da aula como fóra dela (o mundo como unha prolongación da aula).
O Festigal acolle a presentación dun libro que avalía o potencial educativo dos xeitos de expresión TIC
Compartir Este Artigo
