As empresas de seguridade TIC son estes días como o típico veciño responsable que sempre nos dá consellos sobre protección para as nosas viaxes que están a medio camiño entre o molesto e o que é de agradecer. Todo depende do día que teñamos. O caso é que hai veces que uns e outros (veciños e empresas de seguridade TIC) amosan cousas nas que non tiñamos reparado e que, sinalan, custa moi pouco atender. Por exemplo, as conexións gratuítas de redes sen fíos (Wi-Fi) que empregamos lonxe da casa para contestar aos contactos, ver o correo ou consultar calquera información que tiveramos pendente. Este tipo de conexións adoitan estar en aeroportos, hoteis ou cafés. O problema é que moitas veces non están cifradas, o que significa que, de querer, calquera podería interceptalas.
Segundo sinala a empresa de seguridade G Data Security e confirma Kaspersky Lab, debemos ter en conta a cantidade de información que se envía e recíbese a través deste tipo de redes públicas, entre a que se atopan datos persoais como contrasinais, nomes de usuarios ou información financeira. “As redes Wi-Fi públicas non son a mellor alternativa”, engade Kaspersky. Pola contra, aconsella aos viaxeiros-internautas cuxo trasfego de datos sexa de tipo de persoal que empreguen unha conexión VPN (Rede Privada Virtual). O problema, tamén, é moitos administradores de servizos públicos de conexión a Internet bloquean este acceso para asegurarse de que a súa rede non se usará con fins mal intencionados. Porén, se volvemos ás Wi-Fi de balde dos hotspots, abrímoslle a porta a terceiros que non foran convidados na conserva nin no trasfego de datos. Que facer se a VPN está bloqueada? Segundo apunta Kaspersky, nalgúns casos, unha conexión SSL ou Protocolo de Capa de Conexión Segura (https) pode axudar: “É preciso escribir na barra de enderezo https: / / seguido do nome de dominio antes de visitar calquera páxina web; cando a páxina se cargue debemos comprobar que o certificado utilizado para o cifrado é válido e remítenos á páxina web auténtica”. Outra alternativa, engade o laboratorio, é usar unha conexión Ethernet por cable en lugar dunha conexión Wi-Fi. “Moitos lugares dispoñen deste tipo de conexión, que é moito máis segura”, explica. E conclúe: “En todo caso, se nos conectamos desde un lugar público, é mellor non utilizar os servizos de banca electrónica ou pago electrónico xa que eses datos son o principal obxectivo para os delincuentes”.
Os expertos advirten: en vacacións coidado co uso que lle damos ao Wi-Fi de balde
Compartir Este Artigo
