A empresa galega Dismedia estivo os días pasados en Compostela, máis polo miúdo no Centro Demostrador TIC, presentando ferramentas tecnolóxicas de seu con especial aplicación no eido da docencia. A cita, que foi compartida a través de videoconferencia a varias aulas CeMIT da nosa terra, contou cun importante seguimento, tanto na súa vertente in situ coma nas súas ramificacións non presenciais, cousa moi a ter en conta se lembramos que estamos en pleno período de vacacións para unha boa parte dos profesionais potencialmente receptores (profesores, directores de centros educativos, pedagogos) das solucións amosadas por Dismedia. A xornada correu a cargo de José Juan Nimo, que fixo un percorrido por algunha das principais vantaxes dos servizos e produtos da empresa, como os seus encerados dixitais, os visualizadores e videoproxectores ou os armarios cargadores de portátiles.
Tamén amosou o que pon en xogo Dismedia en materia de asesoramento a proxectos TIC de tipo educativo, de instalacións de puntos de información ou redes ou de achega de contidos e recursos para o uso na aula. Asemade, Nimo fixo unha demostración intensiva da Pantalla Dixital Interactiva Polivalente (PSS) para calquera tipo de espazo formativo, unha tecnoloxía patentada pola empresa galega e que inclúe, entre outras, as seguintes características:
· Pódese usar de tripla forma: como pantalla convencional para emprego con rotuladores, como pantalla interactiva e como pantalla de proxección.
· Está fabricada a medida ata 2,7 metros, axustable en altura e con cores personalizadas.
· É económica e non precisa ningún tipo de mantemento (“moi doada de usar”, explicou Nimo).
· Non xera sombra nin cega.
· É especialmente axeitada, segundo fai saber Dismedia, para todo tipo de alumnos, pero especialmente indicada para cativos de Infantil e Primaria, estudantes da terceira ideade ou persoas con calquera tipo de dificultade de movemento ou diversidade funcional ou motriz.
Logo da exposición de José Nimo, foi a quenda doutro dos profesionais da firma galega, Manuel Campos, que presentou a Plataforma Educativa Diodro, unha tecnoloxía creada na Coruña e, en palabras de Campos, “sen ningún xénero de dúbidas a mellor ferramenta deste tipo que hai neste intre en España”. E engadiu: “Co uso desta plataforma fica totalmente integrada por niveis toda a actividade de calquera centro educativo e sen limitación algunha”. Segundo explicou, esta ausencia de límites é aplicable ao número de estudantes, ás necesidades de equipamento informático, á capacidade de almacenamento de datos e, tamén, á seguridade confidencialidade dos datos. Asemade, comentou, “non amosa dificultade algunha á hora de ser obxecto dunha implantación nun centro”, tal e como se ten demostrado trala súa integración en varios colexios galegos. A Plataforma Diodro, engadiu, “permite un control total e fiable de altas e baixas, notas, comunicacións a todos os niveis e actividade de comedor, accións extraescolares, biblioteca, etc”.
A terceira presentación correu a cargo de José Luís González, de Grammata, quen expuxo as características principais dos libros dixitais Grammata e a multiplataforma para contidos en liña. “O libro dixital”, explicou, “achega ao profesor o recurso inmediato e estandarizado para aproveitar a clase 3.0”. Segundo engadiu, este libro sopórtase a través da tablet Papyre EDU 1010. Asemade, tamén fixo fincapé nas achegas da empresa que representa en materia de contidos concretos electrónicos a disposición do profesor/alumno: máis de 1.300 títulos de consulta ou lecer. Por outra banda, tamén lembrou aos presentes que Grammata permite acceder a calquera editorial na que o colexio teña especial interese. A xornada rematou da man de Carlos Roca, xerente de EboraTech, que presentou o Escudo Web, un sistema facilmente configurable que determina e fixa a que sitios web van ter acceso os alumnos dunha clase. Tamén fornece control total sobre todas e cada unha das pantallas dos alumnos, podendo bloquealas ou apagalas se é preciso, tanto a nivel individual como a nivel de toda a clase. Outra característica de Escudo Web é que esta protección pódese facer extensiva ao domicilio de alumno, coa versión Family.
Dismedia amosou no CDTIC as funcionalidades das súas solucións tecnolóxicas para o ensino galego
Compartir Este Artigo
