A Editorial Galaxia presenta este venres ás 20 horas, dende a Feira do Libro da Coruña, o primeiro tomo da triloxía fantástica de Sabela González, As Crónicas de Landereina. Dáse a circunstancia de que a presentación achegarase ao mundo enteiro a través de Internet. Será por medio de Bambuser, en directo e coa idea de permitir a maior interacción dos asistentes virtuais, que poderán intervir no evento mediante o Twitter de Galaxia, @EdGalaxia. No acto, a propia autora e máis o editor Francisco Castro resolverán as dúbidas que os lectores envíen coa etiqueta #landereina.
O primeiro tomo da triloxía chámase Bágoa de lúa e introdúcenos no reino de Landereina, unha terra asoballada no pasado polo poder de Wiasmau, que semella querer recuperar a súa antiga influencia, cousa que impedirá quen destrúa a Pedra de Lúa. O personaxe principal, Berenguela, descubrirá que salvar o devandito reino mesmo pode estar ao alcance da súa man.
Como lembraremos, a triloxía ten (a maiores do devandito) web de seu. Trátase dunha páxina específica lanzada por Galaxia co obxectivo de amosar en detalle o argumento e os moitos puntos de interese desta achega literaria, unha das grandes sensacións da tempada en materia de libros galegos, non só pola cantidade de vendas que está a xerar, senón tamén (e sobre todo), polos valores intrínsecos da mesma e mailo seu compoñente de innovación dentro dun panorama, o das nosas letras, ao que aínda lle fican pendentes certos camiños de exploración. Trátase xa que logo dunha páxina centrada en informar dos tres libros que constitúen as Crónicas, cuxa primeira entrega (Bágoa de lúa) saíu do prelo hai recentemente e xerou, dende aquela, todo un acontecemento de vendas.
Na web en cuestión, como reflectimos hai uns días dende Código Cero, os lectores e lectoras poderán acceder a toda a información que está a xerar esta primeira novela, aos mapas da xeografía do reino de Landereina, a unha relación completa de todos os personaxes (a súa vida, relación con outros personaxes, etc.), información sobre a autora, galería fotográfica, etc. Trátase, engade o selo galego, “dunha poderosa web que permitirá seguir gozando, máis aínda, do marabilloso mundo literario creado por Sabela González neste o seu primeiro libro de debut, dos tres que conformarán unha triloxía que xa está a conmocionar a literatura galega neste xénero de fantasía”.
Biografía de Sabela González achegada por Galaxia
Sabela González naceu en Burela en 1981 e non tardou moito en decidir que quería ser escritora. Mentres o soño agardaba entre ducias de cadernos, mudouse a Vigo e estudou tradución e máis un máster en edición. Na actualidade, traballa na Universidade de Vigo e conseguiu o grande logro de atopar tempo para adicalo ao que sempre quixo facer: escribir. Blogueira afeccionada, debuxante empedernida e poeta esporádica, comparte as súas creacións no blog Gramática de corpos.
Galaxia convida aos internautas a participar na presentación do primeiro tomo da triloxía fantástica As Crónicas de Landereina
Compartir Este Artigo
