A asociación de consumidores ADICAE vén de esixir ás compañías telefónicas que devolvan de xeito inmediato e colectivo os cartos cobrados pola emisión de facturas en papel. A petición vén a conto tras coñecerse hai meses que varios operadores de telecomunicacións tomaron a decisión de pasar ao peto dos seus clientes determinados gastos de xestión entre os que se atopan “os de cumprimento obrigado, como son a emisión de factura en papel”, explica a asociación. Isto materializouse no cobro de un euro aos consumidores polo devandito concepto (facturas en papel), cobro que se está a realizar dende hai meses e que, segundo conta ADICAE, preténdese aplicar noutras empresas e sectores.
Segundo lembra a plataforma de usuarios de servizos bancarios, “a Lei Xeral Tributaria ordena que as compañías que operen en España deberán expedir factura aos seus clientes pola prestación de servizos, nos que se detallen claramente os conceptos cobrados ao consumidor”. Por certo que o INC xa emitiu un informe no que cualifica esta práctica (posta en marcha o obxectivo de amortizar gastos de xestión) como abusiva.
ADICAE sostén, ademais, que ao fío das reclamacións, deberán ser as propias compañías as que tomen as medidas oportunas para restituír o diñeiro cobrado. Por iso, insta a todas as entidades “a restituír as cantidades pola emisión de facturas de forma inmediata e xeneralizada, sen necesidade de reclamacións nin trámites por parte do consumidor”. A entidade informa que recibiu numerosas queixas e consultas de consumidores afectados por estas prácticas e denunciou ante a Secretaria de Estado de Telecomunicacións esta actuación das compañías, esixíndolle a devolución inmediata das cantidades indebidamente cobradas.
ADICAE esixe ás operadoras que devolvan de xeito inmediato o diñeiro que cobraron polas facturas en papel
Compartir Este Artigo
