Hai historias que sen ter relación directa coa Rede, acaban caendo de chea nela. E de “caer” é precisamente do que trata a historia do galo de Barcelos (Portugal) que os días pasados apareceu en terras de Melón, Ourense, unha aparición que non tería máis importancia (dada a proximidade con Portugal, dado o noso coñecemento da representatividade do dito galo) se non fose porque se trata dunha figura enviada ao espazo a semana pasada, dende o país irmán, ao abeiro dunha iniciativa que cinguiu tecnoloxía e promoción turística. Máis polo miúdo, tratouse dunha actividade para amosar a tecnoloxía lusa perante o mundo, de aí que se elixira un dos seus sinais máis distintivos: o galo de cores. A figura, feita de aluminio, chegou primeiro á estratosfera (logo dunha hora e media de subida) para logo caer nunha aldea do dito concello ourensán: Vivenza. A historia xa tivo unha gran repercusión nas redes sociais, converténdose o vídeo que a relata en experiencia viral.
Segundo puidemos saber, a iniciativa veu da man do enxeñeiro (e empresario especializado en visualización en 3D) Marco Neiva, que dispuxo do apoio tecnolóxico do Proxeto Balua, unha agrupación de estudantes da Universidade Técnica de Lisboa, e máis da contribución artística da Associação de Artesãos “O Galo” de Barcelos. O proceso, que foi rexistrado cunha cámara dixital, non transcendeu ata os días pasados, cando foi achada a figura en terras galegas, xunto co resto de cousas que viaxaban na miúda caixa lanzada a estratosfera: un conxunto de mensaxes dirixidas a dar a coñecer Portugal perante o mundo. Asemade, o equipamento incluía un globo de helio (que finalmente estourou), as devanditas caixa e cámara e máis sistemas GPS para facilitar a localización exacta do conxunto. O vídeo da aventura en YouTube xa foi reproducido en case 80.000 ocasións:
O vídeo do galo de Barcelos que caeu en Melón, a piques de chegar ás 80.000 visualizacións
Compartir Este Artigo
