Malia que aínda non está moi claro en que consiste ser friki ou geek (porque aínda non está claro en que consiste ser normal), o certo é que os servizos sociais da Rede seguen teimando en coidar con todo tipo de atencións aos integrantes destes supostos colectivos. En boa medida, porque se hai algo que os singularice é a súa arela de contidos (audiovisuais, artísticos, tecnolóxicos) pouco convencionais, presentes pero tamén pasados. E se hai expertos en contidos pouco convencionais, entre eles ten que estar por forza YouTube. De aí que esta semana se organice dende este servizo o festival YouTube Geek Week, operativo ata o venres. É o seu xeito de agradecer o apoio amosado polos frikis e os geeks ao longo dos seus anos de andaina.
Para quen non o saiba, o termo geek designa hoxe en día a un friki con certas especificidades: máis orientado á tecnoloxía e a cousas como a fantasía heroica ou as grandes sagas de ciencia ficción da banda deseñada, o cinema e a literatura.
O certame do que falamos, con todo, non é novo. De feito, o servizo de contidos audiovisuais achegou hai uns meses algo semellante: unha semana para achegar múltiples xeitos de facer comedia. Agora, tralo éxito acadado, YouTube recunca, buscando probablemente a un tipo de audiencia que, dada a súa fidelidade ao audiovisual e á Internet, dificilmente lle vai dar as costas. A celebración da Geek Week vai durar ata a fin de semana e incluirá, segundo se conta, un abano moi variado de vídeos interactivos, episodios novos de series, concursos e actuacións diversas. Entre os contidos que se achegan inclúese un apartado para autodiagnosticarnos a nós mesmos unha doenza geek (The Geek Test) ou un vídeo no que se explica como converter un Nissan nun vehículo axeitado para Batman. A semana geek de YouTube non é un acontecemento ao chou, sen fío argumental, pois cada xornada é unha xornada temática, tal e como se pode ver no calendario de actividades, dende o 4 de agosto ata o día 10.
· Blockbuster Sunday: Celebración cos personaxes máis característicos da cultura geek en películas e programas.
· Global Geekery Monday: Inclúese unha homenaxe ao Doutor Who.
· Brainiac Tuesday: Dedicado á ciencia. Cómpre ter en conta o potencial divulgador de YouTube, que para moitos o maior centro educativo de Internet.
· Super Wednesday: Día deciaddo aos superheroes. Servirá de escenario para o tráiler da secuela de Thor.
· Gaming Thursday: Dedicado principalmente aos videoxogos.
· Fan Friday: Amosarase como viven os seguidores a cultura geek con diversos debates.
YouTube homenaxea esta semana a cultura friki
Compartir Este Artigo
