Quen máis quen menos, recibiu lixo no teléfono móbil. O curioso é que o lixo tende a asemellarse cada vez máis ao que non é lixo, máis ou menos coma na vida real: as fronteiras entre unha cousa e outra dilúense. De feito, hai mensaxes de texto ás que custa recoñecer como tentativas de calote, o que evidencia que detrás delas hai, en certa maneira, unha mente que máis ou menos pensa. Estas cousas soen dispararse no verán, polas razóns que sexan: porque usamos máis o móbil ou porque o sol (de habelo) férvenos o entendemento, cousa que aproveitan os outros. O caso é que o fluxo de SMS con gancho gaña caudal e sofistificación. Estes días proliferan un tipo de mensaxes que, de contestármolas, estaríamos a subscribímonos nun servizo de SMS Premium do que non teriamos nin a máis mínima constancia, e logo sermos vítimas dun novo calote.
No texto en cuestión dísenos, entre outras cousas, que nos viron polo Facebook e logo preguntan se temos conta en WhatsApp. De permitir que o suposto interesado nos engada, basicamente estamos a permitir unha enleada da que sen dúbida sairemos, pero con algo de traballo. A mensaxe en cuestión chega do número 25655, un vello coñecido que leva xa certo tempo coas súas tentativas de agregar canta máis xente aos servizos de SMS Premium mellor. O gancho adoita ser case sempre o mesmo: do que se trata é de aparecer ante nós como supostos coñecidos ou persoas que devecen por coñecernos logo de atoparnos deambulando por aí nas redes ou pasando por diante das xanelas da súa casa. O modus operandi é, pois, a busca de amizade. Quen ande desesperadamente á procura dela e non teña constancia destes manexos, será a vítima ideal e terá todas as papeletas para contestar ao devandito número 25655 (mal feito). A parte de todo isto, quen máis quen menos recibiu algunha vez chamadas perdidas de teléfonos fixos, convidándonos a devolver a chamada. En caso de facelo, estaríamos a contratar de novo servizos de tarificación adicional. Segundo se nos di en Números Tóxicos, en caso de sermos vítimas dun calote desta índole, temos varios pasos a seguir. O primeiro pasa por cancelar decontado o servizo SMS Premium, para o que nos poremos en contacto co noso operador. Á súa vez informarémoslle da situación e a cantidade cobrada exactamente, á que as empresas de telefonía adoitan renunciar. Logo recoméndase denunciar ante a Oficina de Atención ao Usuario de Telecomunicacións.
Increméntanse no verán as tentativas de calote por medio de SMS de suposta amizade
Compartir Este Artigo
