A Universidade de Vigo segue coa ollada posta enriba das nosas cabezas. Primeiro foron os seus satélites XatCobeo e HumSat (un aparello co que controlar e avaliar o cambio climático), ao que se engadiron logo os envíos de globos de investigación, e agora deu acubillo á presentación de FastCam, unha iniciativa para a creación dun instrumento que permite meirande resolución na captación de imaxes dos telescopios profesionais. A iniciativa vén da man do investigador Roberto López, que deseñou ao abeiro da súa tese de doutoramento o sistema FastCam, un instrumento que permite obter imaxes de resolución temporal e espacial extremadamente alta no rango visible desde os telescopios terrestres. Segundo fixo saber o enxeñeiro, que presentou a súa tese na UVigo, trataríase do primeiro aparello que acada estes obxectivos a nivel profesional.
FastCam foi desenvolvido polo Instituto de Astrofísica de Canarias (onde traballa Roberto López) en colaboración coa Universidade Politécnica de Cartaxena, encargada de achegar a parte do software, en palabras do investigador un dos principais puntos fortes de todo o sistema. Este, por certo, vai inserido no propio corpo da cámara contribuíndo a capturar imaxes coma fotos a alta velocidade e logo achegándoas a un computador para avalialas e acubillalas. Segundo informa López, os froitos obtidos marcan un antes e un despois en materia de precisión dos estudos astronómicos. Así, conta, na primeira proba el e máis o seu equipo foron quen de atopar discos de difracción, algo que só existe na teoría e que se ten dito que era imposible de esculcar a través dun telescopio.
Para afondar un pouco máis no funcionamento de FastCam, o seu responsable explicou en Vigo que se basea en algo tan sinxelo como sumar imaxes para obter cada vez máis resolución. Isto, di, é o que levan facendo dende hai anos os astrónomos afeccionados, que teñen aparellos pequenos pero que, porén, son quen de obter fotografías impresionantes. O seu modus operandi pasa por suplir a falta de medios con aparellos TIC: unha webcam coa que gravan un vídeo e logo separan fotogramas, centran e acumulan. Iso é pois o que fai FastCam nos telescopios profesionais: “Obtén dun obxecto astronómico miles de imaxes empregando tempos moi curtos de exposición, de entre 10 e 50 milisegundos”, informa. A particularidade é que os afeccionados empregan 300 imaxes e os traballadores do Instituto de Astrofísica de Canarias 300.000. “Estamos a gravar preto dun terabyte por noite de observación”, engade López, que lembra que FastCam xa foi probado en catro telescopios canarios, en tres deles alcanzando o límite teórico de resolución: o Telescopio Carlos Sánchez-TCS (1.52 m) do Observatorio del Teide e o Nordic Optical Telescope-NOT (2.5 m), o William Herschel-WHT (4.2 m) e o Gran Telescopio Canarias-GTC (10.4 m) do Observatorio del Roque de los Muchachos. FastCam, de feito, é un aparello de uso común no TCS desde setembro de 2008 e foi o primeiro instrumento instalado no GTC, onde se acadaron as imaxes con mellor resolución endexamais conseguidas no arquipélago.
Un investigador presenta en Vigo un aparello para captar imaxes do espazo con resolución extrema
Compartir Este Artigo
