Hai informacións que non sabe un moi ben onde emprazalas: se na sección TIC ou nunha de motor. En realidade, isto acontece con calquera nova tecnolóxico-dixital: sempre atinxen a outras temáticas e significa -polo regular- melloras en terreos adxacentes e lindeiros da nosa vida cotiá. O Salón Internacional do Motor de Franckfurt acolleu os días pasados a presentación das novas liñas a seguir dunha iniciativa, de nome HERE, dirixida a cambiar para sempre o noso xeito de conducir. E como?Pois introducindo o factor nube. O programa, posto en marcha por Nokia, acadou recentemente novos acordos con Mercedes Benz, Magneti Marelli ou Continental no camiño de acadar a máxima presenza da solución de condución conectada de HERE. A xuízo de Nokia, conectar o coche á nube é hoxe en día unha das grandes oportunidades que se lle presenta á industria da automoción para saír da focha na que está mergullada.
Para o fabricante europeo de aparellos de telecomunicación, a conectividade permitirá entre outras cousas que os coches poidan calcular en tempo real a información demandada, de maneira que o vehículo teñan en conta máis aspectos da condución, creando unha nova clase de servizos. As alianzas que de continuo está a asinar Nokia con firmas do sector da automoción teñen que ver cun obxectivo duplo que beneficia a tódolos implicados: por unha banda o fabricante de móbiles acada máis posibilidades de converter a súa tecnoloxía HERE en algo real e presente nunha chea de modelos e, pola outra, os fabricantes e integradores de sistemas de automoción asegúranse a presenza dun socio que se adiante aos avances tecnolóxicos.
Sen ir máis lonxe, o acordo de HERE con Mercedes-Benz encamíñase a desenvolver, de maneira conxunta, mapas intelixentes para coches conectados e, en última instancia, vehículos de auto-condución. En base a isto, HERE e Mercedes construíron o mapa dixital en 3D da ruta que a primeira Benz Patent-Motorwagen tomou hai 125 anos, de Mannheim a Pforzheim, en Alemaña. Cos requisitos específicos dos vehículos autónomos como base, informa Nokia, “este tipo de mapas contan con datos precisos de estrada que van alén dos mapas tradicionais, incluíndo o número e a dirección dos carrís, sinais de tráfico ao longo da ruta, e coordenadas exactas mesmo de luces de tráfico”. O obxectivo de todo isto, a ninguén se lle pode escapar, é acadar un vehículo o máis autónomo posible. Así, en espera do día en que este tipo de coches poida circular polas estradas (polo de agora non poden), os fabricantes de automóbiles e aparellos TIC están a preparar o terreo (infraestrutura e requirimentos) necesarios para apoiar esta tecnoloxía. É nesta liña onde se sitúa o acordo entre Nokia e Mercedes-Benz.
Lembrar que HERE achega arestora mapas e servizos de localización do mundo a través de diferentes dispositivos e sistemas operativos. “HERE está a inspirar nunha nova xeración de servizos de localización e dispositivos, axudando a máis usuarios a navegar polas súas vidas dun modo sinxelo e con maior seguridade”, informa Nokia, que engade que o seu sistema está baseado en máis de 25 anos de experiencia en cartografía e con máis de 80.000 fontes de datos, conseguíndose un servizo que fornece mapas para a vida diaria en máis de 190 países, navegación guiada por voz en 95 países en máis de 50 idiomas e información de tráfico en tempo real en 34 países.
Nokia asóciase con Mercedes-Benz para seguir apuntalando o vehículo autónomo e conectado á nube
Compartir Este Artigo
