
Este artigo, escrito por Enrique Sánchez Lozano (estudante de doutoramento do GTM, primeiro autor e relator do artigo), Enrique Argones Rúa (investigador de Gradiant) e José Luís Alba Castro (profesor de Universidade pertencente ao GTM), ten por título Blockwise Linear Regression for Face Alignment. Nel, informa Gradiant, exponse un método mediante o cal se mellora consistentemente a precisión dos métodos para localizar puntos de interese no rostro das persoas, “que é a primeira e probablemente máis crítica fase na análise facial”, explica o centro galego. E engade: “Os avances neste sentido teñen unha importancia crucial no desenvolvemento de todo o proceso”. Os achados presentados polos investigadores de Gradiant e a UVigo reformulan ademais os métodos de localización de puntos de interese facial baseados en regresión lineal, o que permite unha meirande robustez grazas á eliminación do ruído. O sistema emprega só a información máis fiable para realizar a localización. “Ademais”, engade Gradiant, “o método consegue reducir a complexidade da localización, o que permite reducir de xeito considerable o número de operacións matemáticas precisas e o tempo empregado para dar cos puntos de interese”. Para o centro galego de I+D, os avances amosado nesta publicación son un “bo exemplo dos beneficios que se obteñen cando se combinan os esforzos e coñecementos dun centro tecnolóxico como Gradiant e a Universidade, na contorna dun mundo empresarial extremadamente competitivo, no que cada vez máis, a innovación revélase clave para acadar o éxito”.
Gradiant e a UVigo amosan na conferencia British Machine Vision os seus achados en análise facial
Compartir Este Artigo
