
O novo BBM para iPhone conseguiu liderar as descargas de aplicacións de balde na App Store, mentres que en Google Play BBM rexistrou rapidamente máis dun millón de descargas (o seguinte chanzo que amosa a tenda de aplicacións de Google está nos 5 millóns, que poderían superarse en breve). Estes feitos enchen de satisfacción aos responsables de BlackBerry, que claramente non previran un arranque tan forte deste servizo que só estaba dispoñible para a súa plataforma de hardware e que agora ábrese ás plataformas móbiles maioritarias.
Tamén dan conta de que nas últimas semanas adaptaron o cliente de BBM ao novo iOS 7, mentres que na versión de Android engadiron un widget de chat que facilita manter conversas sen ter que abrir a aplicación. Engaden que estes novos clientes aínda distan moito da versión para BlackBerry 10, polo que nas vindeiras semanas traballarán para levar prestacións como BBM Video, BBM Voice e BBM Channels ás novas plataformas, deixando claro que esta solución é unha prioridade para a compañía canadense antes coñecida como RIM.
BBM para iPhone e Android supera os 10 millóns de descargas en 24 horas
Compartir Este Artigo

