Na mañá deste 11 de novembro, asinábase un acordo por parte do presidente da Xunta de Galicia -Alberto Núñez Feijoo- e o presidente de Telefónica -César Alierta- polo cal ficaba selada a adhesión do operador ao Pacto Dixital de Galicia, un pacto no que tanto o Goberno galego coma as empresas asinantes asumen un decálogo de compromisos para atraer investimento a Galicia, favorecer a internacionalización da PEME galega e acadar a colaboración activa entre as grandes e pequenas firmas de cara ao medre do sector. Cómpre dicir que Telefónica súmase así ás 11 empresas tecnolóxicas -HP, Indra, Everis, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain e o Clúster TIC Galicia- que o pasado mes de xullo subscribiron este acordo co Goberno galego, o primeiro deste tipo que se realiza en España e que ten como finalidade investir na Comunidade e contribuír a converter Galicia nun punto tecnolóxico de referencia.
Emporiso, con esta resolución quérese que as empresas asinantes se comprometan a colaborar de xeito activo na captación de financiamento en programas como o Horizonte 2020 para o desenvolvemento de novas liñas de negocio e novos produtos en Galicia. Tamén se subliña o valor de apostar polo rural galego coa extensión de tecnoloxía de nova xeración; a apoiar aos emprendedores dixitais de Galicia e a participar como mecenas dixitais impulsando actuacións que capaciten a cidadanía. Amais disto, búscase a vontade de garantir (mediante un programa de bolsas) a incorporación ao mercado laboral de universitarios e estudantes de Formación Profesional Obrigatoria do eido tecnolóxico. Pola súa banda, o Goberno galego comprometeuse a elaborar a Lei de desenvolvemento dixital para a transformación de Galicia cara a unha economía baseada no coñecemento.

Engadir, por último, que a primeira fase do programa ten como obxectivo a creación dun Centro de Emprendemento TIC, que ocupará unha superficie de 420 metros cadrados nas instalacións da Cidade da Cultura, o cal entrará en funcionamento na primavera de 2014. O dito centro achegará a 60 emprendedores do eido tecnolóxico (na súa etapa inicial) un espazo para desenvolver os seus proxectos, recibir asesoramento, orientación e formación.
A segunda fase do proxecto centrarase na constitución e desenvolvemento dunha aceleradora de proxectos tecnolóxicos de alto potencial en Galicia, con capacidade para impulsar ata 8 iniciativas TIC.
Telefónica entra no Pacto Dixital de Galicia coa achega dun Centro de Emprendemento TIC no Gaiás
Compartir Este Artigo

