No último balance trimestral do sector das telefonía móbil a nivel mundial a International Data Corporation (IDC) volve destacar a boa saúde de Android, que chega ao 81% de cota de mercado de smartphones (sendo a primeira vez na historia que os envíos de terminais co sistema operativo de Google superan o 80%) á vez que destacan tamén o impresionante crecemento interanual de Windows Phone (que rexistrou un 156% máis de envíos que no terceiro trimestre do ano pasado) mentres que BlackBerry continúa o seu derrube, caendo un 41,6% e quedando cunha cota de mercado de só o 1,7%.
Tamén cómpre destacar que o iPhone, pese a ter un incremento na venda de unidades dun 25,6%, no que a cota de mercado caeu dun 14,4% a un 12,9%, dando a impresión de que o crecemento global do mercado de smartphones non pode manterse cando falamos de terminais de alta gama, pois os segmentos nos que se rexistra un incremento na venda de dispositivos son os das gamas media e baixa.
Dende IDC consideran que precisamente o prezo é o factor que máis contribúe ao crecemento de Android e Windows Phone, detectándose que o prezo medio dos smartphones vendidos non para de reducirse quedando no último trimestre nuns 317 dólares (o que supón unha caída interanual do 12,5%). Tamén destacan o importante crecemento dos tabletófonos (smartphones con pantallas de máis de 5 polgadas), que contribúen a manter os prezos relativamente elevados, xa que estes terminais gozan normalmente dunhas prestacións superiores o que eleva o seu prezo medio aos 443 dólares (aínda que a súa baixada de prezo foi máis pronunciada que no resto de smartphones, caendo un 22,8%). Actualmente o 21% do mercado de smartphones correspondería a estes terminais de grande tamaño, e precisamente a ausencia nun dispositivo destas características no catálogo de Apple podería ser un dos motivos que están detrás da caída da súa cota de mercado.
Android e Windows Phone continúan a medrar en cota de mercado
Compartir Este Artigo

