O avogado especializado en propiedade intelectual e dereito informático, David Bravo, deu conta hoxe dun auto do Xulgado de Instrución nº 4 de Bilbao do 2 de decembro no que faise unha análise pormenorizada do concepto de “comunicación pública”, concluíndo de xeito contundente que non concorre no caso de páxinas web de ligazóns, de xeito que este tipo de espazos na Internet non completarían o tipo penal do artigo 270 do Código Penal, confirmando os argumentos que moitos veñen defendendo durante anos.
No auto queda claro que as páxinas web con ligazóns a descargas non interveñen na comunicación dos contidos, senón que só facilitan o enderezo dende o que un ou varios particulares están a compartir e comunicar publicamente os ficheiros. Deste xeito, ofrecer unha ligazón non supón a disposición dos arquivos, que continúa a realizarse por parte de usuarios finais (a través de ferramentas P2P).
Aínda que a resolución citada aínda non é firme, serve para constatar que a vía legal para atallar o intercambio de documentos a través da Rede aínda non está nada clara, sendo especialmente problemática no caso abordado (MultiEstrenos) por decidir a Sección Segunda da Comisión de Propiedade Intelectual (coñecida como a Comisión Sinde) no sentido contrario ao Xulgado de Instrución mencionado, co disparate que supón que un órgano administrativo actúe en contra dunha decisión xudicial.
Un auto xudicial insiste en que unha ligazón non constitúe un acto de comunicación pública
Compartir Este Artigo

