Mentres Google potencia a súa tecnoloxía de Street View e facilita aos usuarios de Android o seu aproveitamento a través de Photo Sphere, Microsoft quere ir un paso máis adiante coa súa tecnoloxía Photosynth, de aí que presente unha grande actualización da mesma, que xa está dispoñible na súa versión preliminar, que permite xuntar imaxes cunha resolución moi elevada creando unha experiencia de exploración tridimensional das mesmas cunha grande suavidade, como podemos comprobar cunha exploración aérea do monte Everest que destacan dende Microsoft.
Unha das grandes diferenzas que ten a nova versión de Photosynth con respecto ao Street View é que non só podemos tomar imaxes ao noso redor, senón que tamén podemos pór o centro no obxecto que queiramos retratar, para poder despois dar voltas ao seu redor virtualmente, o que pode resultar moi atractivo para amosar na Internet un monumento, unha estatua ou un elementos da natureza como a pena Haystack, sita na praia Cannon (Oregón), que podemos ver detalladamente grazas a 40 fotografías da mesma procesadas para permitirnos xirar a rocha na nosa pantalla.
As imaxes procesadas con Photosynth non só poden verse a través da páxina web do servizo, senón que tamén poden incrustarse en páxinas web e blogs, existindo incluso aplicación para Windows Phone que facilita a súa xeración, polo que esta tecnoloxía tamén ten certo atractivo aínda que non goce cunha sona como a do Street View de Google.
A pena Haystack vista empregando Photosynth
Photosynth mellora a resolución das imaxes e permite recoller obxectos en 360 graos
Compartir Este Artigo

