Botar a andar unha empresa de base tecnolóxica non é un proceso doado, de aí que existan iniciativas como a aceleradora de proxectos de software no ámbito da Internet, sobre web e aplicacións móbiles Zarpamos, que quere levar a súa experiencia máis aló dos proxectos nos que participa, polo que preparan un curso sobre Lean Startup Development Program, unha serie de ferramentas específicas para organizacións innovadoras e startups denominadas metodoloxías Lean Startup que están a permitir que emprendedores de todo o mundo poidan seguir boas prácticas, errar menos e incrementar o seu grao de éxito.
Este programa está deseñado dende Silicon Valley, por emprendedores e para emprendedores, fuxindo dun enfoque académico para aplicar o coñecemento aos proxectos reais dos participantes cos seguintes obxectivos:
· Achegar coñecementos avanzados sobre os principios e ferramentas Len Startup
· Mellorar as startups dos participantes facendo uso da ferramenta Lean Monitor
· Axudar ás startups participantes a xerar negocio mediante o seguimento dos procesos Lean Startup
· Axudar ás startups particpantes a obter financiamento, convertendo os resultados do proceso Lean Startup en potentes presentacións para investidores

A formación correrá a cargo de Francisco Palao, CEO de IActive; Manuel García García, CEO de Zarpamos; e Jesús Candón, emprendedor co autor do marco de traballo Innosis Framework. Contará con mentores globais como Tristan Kromer, coordinador de Lean Startup Circle; Michal Antkiewicz, emprendedor e investigador que organiza Lean Coffe en distintos países; Eva Hidalgo, Customer Development Manager en IActive e coordinadora do grupo Lean Startup Circle Granada; e Brinkley Warren, emprendedor que coordina o Lean Startup Circle San José-Silicon Valley.
O Lean Startup Development Program desenvolverase durante 10 semanas, combinando formación sobre Lean Startup con actividades de implementación real da metodoloxía Lean Startup nos proxectos participantes. O programa consta de 5 sesións de 3 horas con formato flipped classroom, combinando exposicións maxistrais con presentacións dos participantes sobre o avance dos seus proxectos, ás que hai que sumar unha sesión semanal de mentorización cun experto de prestixio en Lean Startup (que poderá ser en español ou en inglés a elección do emprendedor).
O prezo deste programa de formación será de 1.500 euros por proxecto e os interesados en participar poden solicitar máis información por correo electrónico sobre a actividade a Manuel García García.
A aceleradora Zarpamos organiza un programa de formación sobre Lean Startup
Compartir Este Artigo

