A firma Elogia, que conta na súa ponte de mando coa presenza dos galegos Rubén Bastón e Rubén López Ferreiro, vén de publicar o que cualifica de “o primeiro servizo de comercio electrónico de desexos do mundo”. A iniciativa, chamada Wishop (unha composición das palabras inglesas wish, que significa deseño, e shop, que quere dicir tenda), ten sitio de seu na Rede plenamente operativo. A súa posta en marcha non coincide con estas datas porque si: quérese lanzar coma unha maneira orixinal e moi tecnolóxica de celebrar a chegada de 2014. Segundo informa Elogia, o servizo está concibido como unha ferramenta para facilitar que os internautas compartan bos desexos e felicidade entre os seus contactos nas redes sociais.
O único pago que intermedia neste recurso especial de comercio electrónico é o que Elogia define como “pago cun compartido”, é dicir, que o usuario escolle o desexo que quere mercar e págao compartíndoo en Facebook, Twitter, LinkedIn ou Google+. Os desexos están estruturados en catro modalidades a elixir: Emocional, Geek, Humor e Miscelánea. Segundo engaden fontes de Elogia, polo de agora hai máis de 60 desexos subidos en pequenas pezas de vídeo de menos de 30 segundos de media, “e non se descarta o que esta cifre aumente se os usuarios se animan a enviar os seus propios desexos para cargar en Wishop”. O obxectivo que se propón a empresa (que ten unha das súas oficinas principais en Vigo) con esta campaña é acadar os 1.000 desexos regalados, agardando chegar deste xeito a un impacto superior a 150.000 internautas.
Elogia pon en marcha un servizo de comercio electrónico de desexos para celebrar 2014
Compartir Este Artigo
