Nokia está comezando a distribuír a nova actualización de Windows Phone 8, alcumada como Lumia Black, e que hoxe mesmo comeza a chegar aos terminal Lumia 1020 e 925, para espallarse ao resto de smartphones Lumia con Windows Phone 8 nas vindeiras semanas, o que supón a incorporación de numerosas melloras e novas funcionalidades (como a posibilidade de configurar un modo de condución que desactiva as notificacións do móbil que poidan distraernos mentres imos ao volante, a posibilidade de asignar tons de chamada distintos a cada contacto ou permitir pechar unha aplicación dende a vista de multi-tarefa).
Algunhas das novas prestacións de Lumia Black son: cartafoles de aplicacións (poden agruparse varias aplicacións nunha única baldosa no menú de inicio), vista rápida (pode amosarse certa información de interese antes do desbloqueo da pantalla, o que supón un aforro de tempo e enerxía), Bluetooth LE (activarase o modo de baixo consumo de Bluetooth 4.0 incluso en terminais que ata o momento só gozaban de Bluetooth 3.0), a aplicación Nokia Refocus (que permite disparar fotografías que permiten o seu enfoque a posteriori), Nokia Beamer (ferramenta que fai espello da pantalla do móbil a unha páxina web en HTML5, o que pode facilitar a realización de presentacións), Nokia Storyteller (utilidade que organiza as nosas fotografías por data e lugar facendo doado que repasemos as nosas viaxes en combinación con mapas interactivos), Nokia Camera (as aplicacións Nokia Pro Camera e Smart Camera fusiónanse nunha nova aplicación para os terminais con PureView, e nalgúns terminais tamén incorporará o soporte de imaxes sen compresión) e a incorporación dunha nova xeración de algoritmos de imaxes para que as nosas fotografías se vexan máis naturais e con menos ruído.
Estariamos ante a que posiblemente sexa a derradeira actualización de Windows Phone 8 previa ao lanzamento de Windows Phone 8.1, revisión do sistema operativo móbil de Microsoft que promete bastantes novidades como un centro de notificacións e un asistente por voz, que podería chegar no segundo trimestre do ano e que estaría dispoñible para todos os dispositivos que actualmente funcionan con Windows Phone 8.
Nokia estrea unha nova actualización para os seus móbiles Lumia
Compartir Este Artigo

