Este ano os cursos do Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV) prestarán especial atención á formación en multimedia en novas tecnoloxías para tódolos elos da cadea creativa (dende que se xera un proxecto ata que se pon na pantalla do espectador). A edición 2014 LAV inclúe, máis polo miúdo, cursos de documental web, linguaxe de marcado lixeiro (markdown, wiki) e creación e xestión de páxdinas con WordPress. Así no contan os responsables desta exemplar actividade, exemplar non só polo emprazamento elixido para levar a cabo o programa de accións previsto (no concello rural de Vedra, lonxe do que se entende por grandes capitais europeas do audiovisual) senón tamén por seguir adiante, viva, con todo o que está a caer. Unha vez máis, a proposta vén da man da asociación Sen Un Peso.
Segundo informan os seus membros, xa está aberta a inscrición nos 13 cursos que oferta o LAV014. A matrícula formalízase en liña a través da páxina web da asociación. Os obradoiros, de 14 horas de duración, desenvolveranse na fin de semana do 15 e 16 de febreiro: once cursos para seareiros e profesionais cun prezo de matrícula de 50 euros e dous cursos de balde para alumnado da ESO. As xornadas, informan os organizadores, buscan a formación en diferentes aspectos da linguaxe audiovisual e multimedia para favorecer a autonomía creativa dos participantes: documentais de natureza, inventos para o audiovisual, bandas sonoras, interpretación diante da cámara, vídeo con réflex, animación dixital, vídeo de combate… O abano de posibilidades e potencialidades é ben amplo.
A matrícula para inscribirnos ficará aberta ata o 1 de febreiro. Haberá 195 prazas dispoñibles, quince por cada curso. Como dixemos, o programa inclúe 11 cursos para público xeral e dous cursos gratuítos para alumnado de Secundaria. O programa de formación combina as materias máis diversas relacionadas coa linguaxe audiovisual, ao tempo que gaña peso a formación en aspectos relacionados coa comunicación a través de Internet. A asociación Sen Un Peso salienta entre as actividades do programa tres obradoiros relacionados co ámbito da comunicación multimedia e en liña: Documental web, impartido por María Yáñez; Linguaxes de marcado lixeiro (Wiki, Markdown), con Iñaki Quenerapú; e Creación e xestión de webs con WordPress, guiado por Carlos Macías.
Estes son os cursos para o público en xeral:
· Documentais de natureza, con Max Carun
· Vídeo de combate, con Roi Guitián e María Lobo
· Vídeo con cámara réflex, con Rubén Prieto
· Inventos para o audiovisual, con Pepe Penabade
· Dirección de fotografía, con Paco Rocha
· Interpretación diante da cámara, con Xabier Picallo
· Bandas sonoras, con Marcos Payno
· Animación dixital, con Leonardo Zuklev e Bibiana Álvarez
· Documental web, con María Yáñez
· Creación e xestión de webs con WordPress, con Carlos Macías
· Linguaxes de marcado lixeiro (Wiki, Markdown), con Iñaki Quenerapú
Os cursos de balde para estudantes de ESO son os que citamos de seguido:
· Videoclips, con Miguel Cameselle
· Interpretación diante da cámara, con Manolo Cortés
Segundo informan os organizadores, tódolos os cursos teñen unha duración de 14 horas repartidas entre o sábado 15 e o domingo 16 de febreiro. Para esta sétima edición, a idea dos promotores foi a de facer de LAV “un referente na formación audiovisual non regrada en Galicia, que ten por obxectivo fomentar a creatividade entre afeccionados e profesionais e promover o uso social das ferramentas audiovisuais e multimedia”. Segundo engaden, facendo reconto dos froitos recollidos, polo LAV pasaron desde 2008 máis de 1.000 afeccionados e profesionais. “Na Asociación Sen Un Peso entendemos o audiovisual coma un traballo ou unha afección colaborativa, onde todas as partes son importantes”, explican, de aí que o intercambio de coñecemento e o aproveitamento útil e colectivo do mesmo sexa un piar fundamental do seu programa. Con esta fórmula, din, pódense facer grandes creacións sen necesidade de contar con grandes orzamentos.
Sen Un Peso volve á carga coa sétima edición do Laboratorio Audiovisual de Vedra, máis TIC ca nunca
Compartir Este Artigo
