Microsoft vén de presentar os resultados económicos do trimestre que rematou o 31 de decembro, rexistrando uns ingresos de 24.519 millóns de dólares, de xeito que o trimestre que podería ser o da despedida de Steve Ballmer da compañía destacaría por ser moi positivo, destacando o propio director xeral de Microsoft que continúan a ter unha grande forza comercial e a súa división de consumo e dispositivos tivo un excelente trimestre (medrou un 13%), dando a impresión de que o posicionamento a longo prazo de Microsoft neste ámbito está a resultar moi produtivo.
Aínda que a venda de licenzas de Windows pre-instalado caeu un 3% (por mor da relaxación das vendas de ordenadores para uso doméstico) na división de empresa incrementaron as vendas un 12%; sorprendente é a resposta dos tablets de Microsoft, pois os Surface conseguiron dobrar as súas vendas por segundo trimestre consecutivo, pasando de 400 a 893 millóns de dólares (dando a impresión de que o público tardou en entender a proposta de Microsoft, e unha vez coñecida ten unha boa acollida); e as consolas Xbox continúan a ter moi boas vendas, con 3,9 millóns de unidades vendas da Xbox One, o que non impediu que a Xbox 360 fose quen de colocar tamén 3,5 millóns de consolas.
A comercialización de SQL Server, servizos na nube e Office 365 tamén conseguiron incrementar as súas vendas un 10%, confirmando que a posición de Microsoft na empresa continúa a ser moi sólida.
Temos así unha Microsoft moi ben posicionada para enfrontar un ano cheo de cambios, no que completará a absorción da división de móbiles de Nokia, mudará a súa xerencia e preparará os seus sistemas operativos para unha futura converxencia aínda máis profunda que a actual.
Microsoft pechou 2013 cuns bos resultados económicos
Compartir Este Artigo

