Microsoft parece disposta a potenciar seriamente as súas ferramentas en liña, e tras mudar de nova as súas Office Web Apps a Office Online, agora anuncia a posibilidade de empregar Skype directamente dende Outlook.com en todo o mundo, de xeito que tras instalar un engadido, será posible facer chamadas e videochamadas directamente dende a páxina web do servizo de correo electrónico de Microsoft.
Con esta integración de Skype é posible que, partindo dun e-mail ou dun chat poidamos iniciar unha videoconferencia con só premer un botón, sen ter que abandonar a caixa de entrada do correo electrónico. Esta solución que soporta videochamadas en alta definición dende o PC incluso é compatible co navegador Safari para OS X dende a súa última actualización, converténdose nunha ferramenta de grande utilidade tanto para usos profesionais como para comunicarse no tempo de lecer.
Esta novidade fai que Outlook.com estea cada vez máis preto de Gmail en prestacións, pois o servizo de Google xa hai anos que conta coa integración de Google Talk (actualmente Hangouts) na súa interface web.
Outlook.com xa permite utilizar Skype dende a web
Compartir Este Artigo

