
Vídeo promocional do capacitador de fluzo de ThinkGeek
A xente de Nokia tamén demostraría a súa xenialidade anunciando unha
revisión do seu clásico Nokia 3310 (que vendera máis de 125 millóns de
unidades), móbil ao que incorporarían o sistema operativo Windows Phone 8 e
unha cámara PureView de 41 Mpíxeles. Este terminal que incluiría as
especificacións técnicas máis avanzadas, destacaría por incluír catro xogos
precargados: Snake II, Pairs II, Space Impact e Bantumi,
así como un corversor de moedas e os tons de chamada orixinais que agradarían
aos máis nostálxicos. Pese a ser unha broma, non son poucos os internautas que
manifestaron que estarían interesados en adquirir un terminal así de fabricarse
realmente.
Dende Google non se conformaron con anunciar o
Desafío Pokémon, senón que tamén anunciaron un dedo robotizado para
poder manexar a distancia dispositivos con pantalla táctil e unha impresionante
actualización do sistema automático de mellora de fotografías de Google+, que engadiría
ás nosas imaxes a David Hasselhoff facendo de
espontáneo.
O dedo robotizado de Google en acción
O servizo de Gmail tamén estaría a presumir de innovación, presentando
o Gmail Shelfie, que sería o SHareable sELFIE, unha solución que buscaría
atender á demanda dos usuario de colocar auto-fotos como temas de fondo de
Gmail, pero permitindo que os propios usuarios poidan compartir as súas imaxes cos
seus amigos para ambientar a aparencia do servizo de correo electrónico de
Google.
Aínda que posiblemente as cousas máis absurdas que puidemos ver nas últimas
horas chegan dende o Xapón, onde chegaron a mudar a páxina web da revista de
comics Shonen Jump (onde publicaban as series orixinais de Son Goku, One Piece, Yu-Gi-Oh!, Naruto e
moitos outros mangas de éxito) para convertela na revista para mozas Jumpteen; presentaron un curioso
trebello, o Keboarm, que
permitían converter o noso antebrazo nun lector de manga; a propia SEGA amosa
uns lentes chamados MEGAne DRIVE,
con aparencia da clásica Mega Drive (megane
significa lentes en xaponés); e
incluso Yahoo! presentou un servizo de conectividade
Wi-Fi para buscas (eses precursores das mensaxes de texto que tiveran sona
entre os mozos a primeiros dos 90).

