Aratech, empresa con sede en Milladoiro centrada no desenvolvemento web e na programación, vén de comunicarnos que está a participar cun proxecto de seu na nova edición, a décima, dos Premios PEME, un certame lanzado por Expansión e IFEMA para buscar e recoñecer as mellores empresas do ámbito estatal, facendo fincapé na importancia de distinguir o labor das pequenas e medianas empresas, un tecido que concentra o 90% do emprego privado en España. Aratech presentou a súa candidatura na categoría de innovación tecnolóxica.
Polo que atinxe ao proxecto presentado por Aratech, dicir que se trata dunha iniciativa de social media combinado con tecnoloxía de comunicación sen fíos ou NFC inserida en pulseiras. Este tipo de tecnoloxía utilizada con tablets co sistema Android, explican fontes de empresa galego-madrileña, “deu lugar a un proxecto co que se viralizaron contidos durante diversos acontecementos multitudinarios, encontros nos que se achegou aos participantes a posibilidade de postear en redes sociais ao seu antollo, e todo grazas á devandita iniciativa”.
Lembrar por último que o certame no que participa Aratech premiou en anteriores edicións a empresas como Llaollao, Mobile Dreams, Life Length, Cafeverde, Implaser e Artero.
Aratech presenta aos Premios PEME unha iniciativa que combina redes sociais con comunicación sen fíos
Compartir Este Artigo

