O Clúster TIC Galicia ten entre mans unha nova iniciativa para botar unha man ás nosas empresas do sector en materia de espallamento e consolidación da súa actividade. Falamos do proxecto Certificados UNE-TIC, impulsado pola plataforma galega co obxectivo de favorecer a implantación e a certificación das empresas socias na norma UNE166002 para mellorar a xestión innovadora. Esta iniciativa está cofinanciada ao 50% polo IGAPE e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
En definitiva, do que se trata é de facer que o noso tecido TIC teña un mellor coñecemento da devandita norma, acurtándose a distancia entre esta e as empresas, co fin ter un alicerce o máis sólido posible para a construción de cadanseu edificio innovador. Segundo informa o Clúster, os sistemas de xestión da Investigación e o Desenvolvemento, en base á dita norma, permiten optimizar os procesos de I+D+i baseándose en estruturas coñecidas de ferramentas empresarias e coa vantaxe de levalas máis lonxe e ceibalas de ataduras. En palabras do Clúster, estes sistemas de xestión da I+D baseados na norma UNE166002 non limitan as actividades de innovación en regras fixas nin coartan a imaxinación e intelixencia emocional dos investigadores, subministrando directrices útiles para organizar e xestionar de maneira eficaz este tipo de actividades”.
A UNE 166002 abrangue requisitos e directrices prácticas para a formulación e o desenvolvemento de políticas de I+D+i, para o establecemento de obxectivos acordes coas actividades, produtos e servizos específicos de cada organización, para a identificación de tecnoloxías emerxentes ou novas tecnoloxías non aplicadas no seu sector, “cuxa asimilación e posterior transferencia achegarán o alicerce para xerar proxectos e potenciar produtos”.
Por outra banda, a certificación da xestión da I+D+i en base á norma UNE 166002 permite ás empresas “beneficiarse de importantes incentivos económicos e acceso a bonificacións sobre a cota da Seguridade Social e importantes deducións fiscais, que posibilitan a obtención do informe motivado do Ministerio de Economía e Competitividade (segundo RD 1432/2003 e actualizacións)”.
O Clúster TIC impulsa un proxecto para achegar mellores sistemas de xestión da innovación
Compartir Este Artigo
