Facebook tomou consciencia do problema que está a causar a deriva actual da sobrepublicación na súa plataforma social, e está a preparar cambios no xeito de compartir contidos para centrarse nas conversas entre amigos en vez de en comunicacións públicas. Recoñecen que compartir só cos amigos un contido que queremos que chegue a calquera sería un erro moi inferior ao de facer xusto o contrario, e por iso están a mudar as prioridades da opción de privacidade nas nosas actualizacións de estado, que agora darán preferencia a compartir cos amigos, entre outros cambios.
Os usuarios poderán seguir a editar a configuración das súas publicacións, pero partir de contidos para os amigos en vez de contidos públicos é un importante cambio de política por parte de Facebook, que nos últimos meses estaba a potenciar os seus contidos estivesen dispoñibles na web xeral en vez de só para os seus usuarios.
Nas vindeiras semanas aplicarán os cambios de privacidade a todos os seus usuarios, facilitando unha ferramenta que faga doado aos usuarios revisar o xeito no que está a compartir a súa información, intentando que o control dos contidos estea sempre nas mans dos usuarios.
Entre as novidades incluídas figura agora un recordatorio cando marcamos un contido como público (para garantir que a xente non amosa algo ao mundo por accidente), fai máis doado elixir o público dunha actualización dende o móbil, integra o novo sistema de identificación anónima (e de control dos datos persoais que se facilitan ao identificarse nunha aplicación) e incluso redeseña o seu panel de control para ver as aplicacións que teñen permisos sobre os nosos datos en Facebook, para poder revisalas de xeito doado e poder xestionar e mesmo revocar o permiso de acceso á nosa información por parte das aplicacións.
Facebook fai máis doado elixir con quen compartimos as nosas publicacións
Compartir Este Artigo

