Coremain segue adiante co seu proceso de renovación. Nesta liña, e tamén na de acadar aínda máis excelencia e especialización nos seus servizos, é onde se insire a súa recente operación coa empresa de capital galego Discalis, un acordo que inclúe a adquisición do negocio desta compañía, centrada en achegar telecomunicacións, solucións na nube, desenvolvemento de aplicacións, posicionamento, hospedaxe e dominios, consultoría tecnolóxica e achega de programas á medida de empresas, entidades e profesionais. O acordo abrangue a incorporación do persoal de Discalis ao persoal de Coremain e a do seu máximo directivo ao comité de dirección e consello de administración da consultora.
Este movemento, explican fontes da empresa compradora, reforza a estratexia de especialización iniciada a principios de 2013 e focalizada en tres sectores principais: sanidade, “onde Coremain acumula máis de vinte anos de casos de éxito e referencias”; educación, “con importantes proxectos tanto en sector público como privado e cunha importante e recente alianza coa compañía galega Netex”; e telecomunicacións, “onde Coremain xa está presente nalgúns dos máis importantes xogadores a nivel nacional e que se ve reforzada co talento dos profesionais de Discalis, que achegan máis de 10 anos de experiencia en xestión de proxectos a nivel nacional e internacional, sendo ademais a única PEME galega e española con certificación BMC Consulting Partner”. Por certo que esta acreditación, unida á experiencia e capacidade de Coremain, que acubilla máis de cincuenta profesionais con certificación en ITIL, “fortalece tamén a aposta mexicana da empresa con sede en Compostela”, entre outros mercados.
O obxectivo da compañía é “continuar no seu proceso de transformación empresarial, que permitiu pechar o ano 2013 con resultado positivo e con éxitos a nivel internacional en dous sectores de gran percorrido como o de tecnoloxías aplicadas á sustentabilidade e ao turismo”, engaden os responsables da firma con sede no Polígono de Costa Vella de Santiago.
A operación complétase coa incorporación dos directivos de Coremain, Tito Barreiro e Luis Sestelo, ademais da propia Discalis, ao accionariado da compañía TIC.
Coremain faise coa liña de negocio de telecomunicacións de Discalis
Compartir Este Artigo
