Os vindeiros días teremos en Compostela unha oportunidade para introducirnos de cheo nas metodoloxías actuais máis axeitadas para acadarmos o mellor traballo posible en materia de programación e desenvolvemento de software, e axeitadas tamén para acreditar e certificar ese traballo ben feito. A dita “oportunidade” vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, e maila Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, que organiza o Foro para a Calidade do Software os días 9 e 10 de xuño na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
As temáticas a abordar no foro versarán sobre aspectos como ISO 9126, ISO 25000, débeda técnica, métricas, integración continua, axilidade, auditorías, externalización do desenvolvemento, etc. O obxectivo dos responsables do seminario é “propor un marco de reunión, debate e divulgación para investigadores, empresas, universidades e profesionais interesados en aumentar o valor que achegan aos seus negocios, en base ao control e optimización da calidade dos produtos que o sustentan”. Máis polo miúdo, perséguese coñecer as diferentes normas de xestión de calidade no ámbito das TIC, compartir experiencias de implantación, amosar casos de éxito de empresas e elaborar mesas redondas por temáticas.
Santiago acollerá os vindeiros días un completo seminario sobre calidade no software
Compartir Este Artigo
