
Ademais, posibilitaralles ver como se aplican estes coñecementos na vida real, deseñando redes eléctricas nese espazo urbano simulado, ou ben tendendo liñas de comunicación, entre outras moitas tarefas concretas a desenvolver. Nesta iniciativa participan distintas universidades e centros europeos como o Politécnico de Oporto, Virtual Campus (Portugal), Fondazione Ikaros (Italia), Naime Ali Karatas Cok Programli Lisesi (Turquía), Thessaly University (Grecia) e a Universidad de Valencia.
Segundo informa a UVigo, á cabeza do equipo vigués están os profesores Manuel Caeiro e Martin Llamas Nistal. A xuízo de Martin Llamas, o labor da institución académica basearase en pór en valor “a experiencia previa en aprendizaxe electrónica” deseñando esta plataforma, pero tamén se encargará de propoñer os xogos e problemas relacionado coas telecomunicación e coa telemática. Os outros socios abordarán os contidos doutro tipo de pólas do coñecemento como a enxeñaría industrial ou a enxeñaría química. O proxecto arrancou a principios deste ano e os investigadores agardan que eCity estea en funcionamento a finais do 2015. A vindeira xuntanza dos socios será en Vigo no mes de setembro.
A iniciativa baséase como dixemos en aproveitar as potencialidades educativas e formativas do eido da electrónica de lecer e as videoconsolas rastrexadas ao longo de múltiples experiencias ao longo desta e das pasadas décadas. Para os responsables de eCity está fóra de toda dúbida a utilidade deste tipo de aprendizaxe, “non só para achegar estes eidos do coñecemento aos futuros universitarios, senón tamén para que os estudantes dos graos de enxeñaría se interesen máis polos seus estudos”. E engade Llamas: “As cousas apréndense máis facilmente a través xogos que con páxinas e páxinas explicando conceptos”. Polo tanto, eCity será o escenario no que os estudantes porán a proba os seus coñecementos e comprobarán como estes se aplican á vida real dunha cidade. “Será unha simulación da vida dunha poboación, unha cidade virtual na que os estudantes deben facer fronte a problemas como o deseño da rede de antenas para a telefonía móbil, a rede de autobuses ou metro, as redes eléctricas”, informa o profesor, que engade que de xeito paralelo o obxectivo é converter a iniciativa nunha ferramenta para promover o sentido de pertenza a unha comunidade (baseada no apoio mutuo) e nun sistema de recompensas adicional que inclúe puntos pola resolución de problemas permitindo o establecemento de clasificacións e promovendo unha competencia sa.
AtlantTIC traballa nun proxecto internacional para dar forma a unha cidade virtual ao servizo da aprendizaxe
Compartir Este Artigo
