O ano pasado por estas mesmas datas informabamos dun novo tipo de xuntanza tecnolóxica moito máis lúdica e vencellada ao lecer estival que todas cantas outras tiñan chegado pola nosa redacción. Falamos da primeira edición do Campamento Tecnolóxico de Verán da Tecnópole, un evento promovido polo Parque Tecnolóxico de Galicia co apoio do operador R que resultou ser finalmente todo un éxito, polo que non era de estrañar que os organizadores quixeran recuncar, abrindo a porta a novos aspirantes e o programa de actividades a novas e innovadoras propostas. E así foi: temos nova edición do campamento. Será entre o 30 de xuño e o 11 de xullo e estará dirixido a 40 rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos. Contará unha vez máis co patrocinio e este ano súmase aos apoios a empresa TIC Coremain.
Todos os participantes, informa a Tecnópole, traballarán no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. “Para facelo posible”, engádese, “a formación incluirá nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc”. Os mellores de cada categoría terán asegurada a súa participación na próxima Galiciencia, no mes de novembro. Aínda que a inscrición está aberta a estudantes de toda Galicia sen restricións, a proximidade xeográfica recomenda a actividade para persoas que residen ou mesmo que pasan o verán na provincia de Ourense.
As actividades do campamento, explica a Tecnópole, están deseñadas en función das idades dos participantes. Malia todo, os obxectivos que se perseguen son comúns e consisten “no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade”. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese “potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público, etc”.
Todas as actividades desenvolveranse en equipo mediante a formación de grupos de rapaces da mesma idade, “aos que se estimulará para conseguir a organización interna que lles permita desenvolver habilidades sociais a través da discusión dos proxectos, fomentando ao mesmo tempo o respecto entre os compañeiros e o traballo en equipo”. O custo por participante será de 240 euros con todo incluído, dende o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense ata a comida e todas as actividades.
A Tecnópole convida á rapazada galega investigadora a sumarse ao seu novo campamento tecnolóxico
Compartir Este Artigo
