Dende as páxinas de The Wall Stret Journal aseguran que Google ten pensado gastar máis de 1.000 millóns de dólares nunha flota de satélites que achegará o acceso á Internet a zonas do planeta que carecen de infraestruturas de telecomunicacións, e que comezará con 180 satélites de reducido tamaño e elevada capacidade que orbitarán a baixa altura, para o que están a traballar con O3b Networks, unha startup especializada en comunicacións por satélite. Tamén hai fontes asegurando que Google está a contratar enxeñeiros da compañía Space System/Loral, o que confirmaría a aposta de Google por esta iniciativa da que aseguran que tería un orzamento de entre 1.000 e máis de 3.000 millóns de dólares, dependendo do volume final que teña a flota de satélites proxectada.
Esta non é a única iniciativa de Google nesta liña, pois xa se coñecía o Project Loon, que explora a posibilidade de empregar globos para levar a banda larga a áreas remotas, así como tamén adquiriu a empresa Titan Aerospace, que traballa nunha solución semellante baseada en drons alimentados por enerxía solar.
Globos, drons, satélites… o que queda claro é que, aínda que o mellor é contar con liñas físicas, para chegar a toda a poboación mundial o máis atinado é achegar o acceso á Rede dende as alturas, aínda que o grande reto non estriba na tecnoloxía que sosterá todo isto, senón na sustentabilidade económica dos proxectos (xa que manter infraestruturas de telecomunicacións en países en vías de desenvolvemento non parece ser rendible).
Google podería estar a preparar unha rede de satélites para espallar a conexión á Internet
Compartir Este Artigo

