Aínda que moitos desexaban que Apple aproveitase a celebración do seu encontro para desenvolvedores para presentar novo hardware, finalmente a WWDC limitou a súa sesión inaugural a abordar os temas que naturalmente lle corresponden, como é a presentación das futuras versións de OS X e iOS 8, que chegarán o vindeiro outono, e que os desenvolvedores xa poden probar para ir preparando as súas aplicacións para que tiren proveito das súas moitas novidades de cara á creación de software, pois por unha vez parece que Apple abriu bastante os seus sistemas para permitir unha interesante evolución das súas plataformas de software.

Os cambios de iOS van na mesma liña, buscando unha grande sintonía entre o ordenador e o móbil, o que é visible dende aplicacións como a de Fotos, que agora baséase nunha biblioteca en iCloud, o que permite que as nosas fotografías poidan verse dende numerosos dispositivos á vez, facilitando a súa visualización, organización e edición.
A aplicación de mensaxería experimenta unha importante evolución que podería considerase como unha whatsappización, xa que integra funcións como deixar anotacións de voz con só premer un botón, enviar vídeos de xeito doado, realizar conversas en grupo (que poden silenciarse), compartir a localización actual, poder ver os ficheiros adxuntos dunha conversa de xeito doado e enviar varias imaxes e vídeos nun único paso. Unha clara reacción ao pulo que colleron as aplicacións de mensaxería instantánea de terceiros nos últimos meses, o que moitos consideran que é entrar nunha guerra perdida de antemán (xa que iMessage limita as súas conversas a dispositivos de Apple, mentres que ferramentas como WhatsApp serían universais).
O deseño de iOS 8 tamén muda, integrando a posibilidade de interactuar coas notificacións directamente dende a súa caixa emerxente (sen ter que abandonar a aplicación actual), funcionalidade que non só se aplicará ás mensaxes, o calendario, o e-mail e os recordatorios, senón que tamén está aberta a aplicacións de terceiros; na interface de multi-tarefa, na que podemos saltar entre as aplicacións en segundo plano, teremos agora tamén unha serie de globos que representan aos nosos contactos favoritos e recentes, para axilizar o contacto cos mesmos; a aplicación de e-mail tamén mellora en funcionalidades para incrementar a súa produtividade (por exemplo, pode recoñecer un evento para engadilo ao calendario ou un número de teléfono para engadilo aos contactos); e leva ao iPad un Safari coa posibilidade de acceder aos marcadores, ás listaxes de lecturas e ás ligazóns compartidas, facilitando a navegación web entre varios dispositivos. Aínda que unha das melloras que máis agradecerán moitos usuarios serán as melloras no teclado en pantalla, que no só gañará en intelixencia preditiva, senón que tamén abrirase ao teclados desenvolvidos por terceiros, funcionalidade moi prezada en Android, que agora chegará a iOS 8, o que permitirá que, por exemplo, poidamos gozar no iPhone dun teclado SWYPE (que permitiría escribir palabras completas sen levantar o dedo da pantalla).

A funcionalidade de iCloud Drive, integrada en OS X 10.10, tamén chega a iOS 8, o que permitirá acceder a documentos creados en dispositivos móbiles e ordenadores dun xeito doado dende calquera dos nosos dispositivos, de xeito que podemos editar un documento entre varios trebellos, pero facilitando tamén que poidamos almacenar ficheiros que non pertenzan só a aplicacións que existan en varias plataformas, creando unha versatilidade ata o momento descoñecida en iOS. Na mesma liña tamén está Continuity, a mencionada función para poder trasladar actividades entre un dispositivo e outro cando estean próximos (poderemos seguir a consultar unha páxina web que estabamos vendo no ordenador cando saltemos ao tablet, ou completar unha mensaxe do móbil cando nos sentemos fronte ao ordenador), poderemos responder chamadas telefónicas dende o iPad ou o ordenador, levar as mensaxes de texto a calquera dos nosos dispositivos de Apple, e transformar un dispositivo con iOS nun punto de acceso Wi-Fi ao que conectar outro equipo dun xeito doado e intelixente (detectará cando non se precise a conexión compartida para desactivala e aforrar batería). O sistema de busca tamén segue a liña de Yosemite, e permite buscar na Wikipedia, nas novas, en localizacións próximas, nas tendas de aplicacións e contidos ou en páxinas web, facendo máis áxil o traballo dende dispositivos móbiles.
E Apple tampouco quixo quedar á marxe do negocio da saúde (ao que Samsung enfocou numerosas aplicacións durante os últimos anos) e presenta HealthKit, un panel de control no que se almacenan os datos de saúde e actividade física, o que iría máis aló das típicas aplicacións deportivas, e que achegaríase a solucións desenvolvidas por entidades sanitarias que poderán aproveitar a información almacenada no móbil (coa autorización do usuario) para dar interesante información aos doutores que o traten (por exemplo, de cara a controlar a súa hipertensión) para o que chegaron a acordos con numerosas clínicas dos EE.UU.

Para os programadores tamén presentaron novidades como SpriteKit, SceneKit e Metal, que permitirán a creación de xogos máis potentes, especialmente nos dispositivos máis avanzados e presentouse Swift, unha nova linguaxe de programación que busca acelerar o desenvolvemento de aplicacións. Outro detalle que tamén agradecerán tanto desenvolvedores como usuarios é que as aplicacións na App Store poderán contar coa opción de proba antes da súa compra (como xa acontece en Windows Phone) e tamén será posible mercar aplicacións en lotes.
Apple amosa o futuro dos seus sistemas operativos na WWDC
Compartir Este Artigo

