
Enmarcado no Posgrao Universitario en Especialización en Xestión Empresarial e Tecnoloxía, XEMTE, título propio da UDC que prepara a expertos na aplicación da tecnoloxía aos procesos empresariais, contará coa presenza de Mar Pereira Álvarez, directora da AMTEGA e relatores de IBM e Telefónica:
· Elisa Martín Garijo, directora de Tecnoloxía de IBM España, Portugal, Grecia e Israel, falará sobre A computación cognitiva: ordenadores con 5 sentidos, relatorio no que abordará o reto de dotar aos ordenadores de cinco sentidos o que provocaría os maiores avances na medicina, a alta cociña, a industria téxtil, ou, mesmo a agricultura.
· Juan Cambeiro Cuns, Innovation Leader de Telefónica España, abordará A innovación na grande empresa e o impacto que esta ten na sociedade como retos de xestión empresarial propios. Coñecer os seus retos, problemática e estratexias clave, son esenciais para innovar con éxito nun mercado cada vez máis dinámico.
XEMTE busca contribuír á mellora da xestión empresarial
Inaugurado no mes de xaneiro, XEMTE é un proxecto integrador no que se implican todos os axentes: alumnos, Universidade, empresas, axentes sociais e institucións, dando como resultado unha comunidade impulsora dunha transformación nos modelos de formación e desenvolvemento profesional dos alumnos, futuros profesionais comprometidos co cambio.
En XEMTE cóntase coa participación de grandes empresas que buscan favorecer a creación deste novo modelo educativo, nomes como Emetel, Altia, Banco Etcheverría, Telefónica, Reganosa, Emalcsa ou Cofrico, que contratarán os alumnos apostando polo desenvolvemento e o innovador concepto deste posgrao. Xunto á Universidade, profesorado e alumnos, formarase a comunidade XEMTE, un paso adiante cara á educación colaboradora, práctica e enfocada a potenciar as habilidades do alumno.
XEMTE está dirixido a enxeñeiros técnicos, graos e enxeñeiros en Informática, Telecomunicación ou Industriais, graos e licenciados en Ciencias Físicas ou Matemáticas, así como a profesionais que reúnan os requisitos para cursar estudos universitarios e acrediten un desempeño profesional acorde. E cada ano supoñerá unha oportunidade para un grupo máximo de 20 alumnos, xa que terán a oportunidade de incorporarse a unha das empresas asociadas ao seu programa. Pensando nos alumnos, dende a organización de XEMTE ofrécense facilidades no financiamento para evitar que o factor económico sexa un obstáculo á hora de sumarse ao curso.
A metodoloxía de XEMTE é eminentemente práctica, nela implícanse profesionais das empresas máis innovadoras, laboratorios nos que experimentar, proxectos de traballo colaboradores, casos reais e moitas máis ferramentas e iniciativas nas que se aplica a tecnoloxía aos procesos da empresa. Con este sistema foméntase a participación e a potenciación das capacidades do alumno, xa que sobre el xira XEMTE.

