Microsoft vén de recoñecer un proxecto galego sobre o cambio climático. Trátase dun traballo que vén da man de Juan Antonio Añel, investigador do Grupo EPhysLab da Universidade de Vigo e da University of Oxford. Grazas á distinción do xigante de Redmond, inserida na convocatoria Microsoft Azure for Research Award destinada a apoiar proxectos de investigación, Añel terá á súa disposición e de balde diversos recursos de cálculo dos centros de datos da multinacional.
Segundo informa máis en detalle a Universidade de Vigo, o galardón recibido na última edición da convocatoria, permitiralle ao investigador realizar durante un ano un número de simulacións moi elevado e dar deste xeito un chouto significativo no estudo dos fenómenos climáticos adversos en relación co cambio climático.
O proxecto no que traballa Añel dende a Universidade de Oxford, ClimatePrediction.net, é en palabras do investigador “o maior experimento de modelación climática mundial”. Tendo en conta o seu alcance e implicacións, precisa dunha importante achega tecnolóxica que forneza altas potencialidades de cálculo e simulación. Isto conséguese botando man dos computadores persoais de múltiples usuarios, que colaboran instalando un software dende a Rede para pór o seu gran de area nos desenvolvementos das simulacións. Malia todo, sinala Añel, “hai casos nos que é preciso facer moitas destas operacións, e son tan custosas que non abondan nin os computadores persoais en rede nin os grandes supercomputadores”. É aí precisamente onde se fai necesaria a concorrencia dunha empresa como Microsoft. Neste caso concreto, a empresa porá en xogo os seus recursos de computación na nube, precisos para o desenvolvemento de certas operacións de gran complexidade.
No proxecto gañador da convocatoria, titulado Climate Prediction Azure Cloud, o obxectivo é “realizar un número de simulacións climáticas enorme, máis aló do común ata o de agora en estudos de sensibilidade do clima, e aumentar a precisión coa que viñamos traballando normalmente nos nosos estudos de impacto do cambio climático”. Os recursos que empregarán para acadalo serán de cálculo na nube. Segundo reflicte a Uvigo facéndose eco das declaracións do investigador, “en lugar de usar un supercomputador o que faremos será replicar miles de computadores persoais que farán simulacións cuns requisitos que superarían as posibilidades da maioría dos ordenadores que se venden para uso doméstico hoxe en día”.
Microsoft recoñece un proxecto sobre o cambio climático dun investigador da UVigo
Compartir Este Artigo
