A clave está na reutilización. Só así poderemos evitar a acumulación desmedida de tecnoloxía, moitas veces desviada a países onde non existen as medidas axeitadas para o procesado de material en desuso, un problema que vai a máis agora que se incrementa cada pouco o ritmo de produción e de adquisición. É dicir, agora que se reduce o tempo entre que mercamos un aparello e o substituímos polo seguinte. Nisto da reutilización e das segundas e terceiras vidas dos aparellos electrónicos e eléctricos é no que traballan, entre outras cousas, os integrantes do laboratorio do grupo de investigación CIMA, Centro de Enxeñaría Mecánica e Automoción, da Universidade de Vigo. Este laboratorio conta dende unhas semanas cunha nova infraestrutura de seu, unha illa destinada ao ensaio e validación do proceso de reutilización e reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, RAEE.
A illa en cuestión foi desenvolvida e materializada polos membros do dito grupo, e trátase, segundo informa a Universidade de Vigo, “dunha peza fundamental do dentro do proxecto ecoRAee, financiado polo programa europeo LIFE, que ten como finalidade resolver o problema derivado da xeración de refugallos tecnolóxicos, que durante os últimos anos medraron tres veces máis rápido que o resto de refugallos sólidos”. E todo isto co agravante de que unha marxe importante destes aparellos, malia as normativas europeas postas en xogo para o seu tratamento axeitado, non se recollan nin se traten como deberan. Para actuar sobre esta ampla marxe (que pode chegar a un 85% do total) púxose en marcha o proxecto ecoRaee, coordinado pola Universidade de Vigo e coa participación do centro EnergyLab e da empresa Revertia, que durante tres anos e cun investimento de 1,2 millóns de euros, dos que a UE financia o 50%, ten como finalidade “demostrar que aumentar a vida útil dos aparellos eléctricos e electrónicos é unha solución viable económica, técnica e ambientalmente para os refugallos deste tipo, que só en España acadan anualmente as 200.000 toneladas”, sinala a UVigo, que está representada na iniciativa con catro departamentos e máis a Oficina de Medio Ambiente.
O cometido do grupo CIMA, liderado polo investigador José Antonio Vilán, foi de “deseñar e montar o espazo de traballo, a illa, na que xa se están a realizar as operacións de reutilización e reciclaxe de aparellos RAEE, que serán empregados en tres procesos demostrativos: ordenador para seguridade de Internet, clúster de procesadores e computador para control de iluminación”, explica o investigador Pablo Izquierdo. O grupo traballa decote con material tecnolóxico, de feito pasa polas mans dos seus integrantes unha media de catro aparellos por día. Deles, o 20% está a saír preparado para reutilizar. A principal provedora é a Oficina de Medio Ambiente da Universidade. Unha vez tratado, o material volve a ela, tanto o que se vai derivar aos demostrativos como o que non é válido para reciclar. Por outra banda, sinalar que o grupo de investigación CIMA vén de recibir unha doazón de equipos por parte de Novagaliciabanco destinada á empresa Revertia, que serán tratados na illa prototipo da Universidade de Vigo nun procesado previo ao procesado final dos equipos que realizará a dita firma nas súas instalacións. Segundo informan os responsables da illa, esta estará operativa só durante o tempo de vida do proxecto.
O grupo CIMA da UVigo dá forma unha innovadora planta prototipo de reciclaxe de tecnoloxía
Compartir Este Artigo
