Aínda que o Chromecast de Google está orientado a facilitar a reprodución de contidos multimedia no televisor collidos da Internet, non deixan de proliferar solucións que permiten achegar material almacenado localmente, incrementando considerablemente a versatilidade deste dispositivo HDMI, sendo a última aplicación que promete avanzar neste eido o popular reprodutor multiplataforma VLC, que en breve vai contar con soporte de Chromecast nas súas aplicacións para iOS e Android, agardando facer o mesmo coas súas versións para Linux, OS X e Windows máis adiante (que tardarán máis en integrar esta nova funcionalidade, por resultar bastante máis complexo dado que Google non publicou un SDK de Chromecast para o desenvolvemento de aplicacións nativas).
Non se deu unha data para a publicación da vindeira actualización do VLC con soporte para Chromecast, pero é de agardar que chegue en menos de mes e medio para iOS, onde probarán inicialmente esta funcionalidade, para trasladala seguidamente á aplicación para Android.
Estas melloras en VLC farán máis doado poder gozar de contidos multimedia no televisor do fogar sen ter que realizar complexas instalacións de cable e coa comodidade de poder manexar a reprodución dende dispositivos móbiles, o que normalmente resulta máis cómodo que os limitados mandos a distancia dos televisores (incluso os dotados con funcionalidades de Smart TV).
O reprodutor VLC será compatible con Chromecast en poucas semanas
Compartir Este Artigo

