Levar adiante trámites servíndose de Internet é un dos grandes avances do noso tempo. É o caso da Axencia Tributaria (AEAT) que, grazas ao programa PADRE (Programa de Axuda para a Declaración da Renda) e por suposto a Internet, permite que os cidadáns leven a cabo as súas declaracións da renda e outras xestións en liña. Arestora son xa posibles máis de cen millóns de trámites online ao ano grazas á tecnoloxía despregada pola Axencia. O elemento central é un mainframe con 2 CPU de proceso, un total de 96 servidores x86, 263 equipos de comunicacións (balanceadores, router, firewall, etc.), todo conectado co exterior mediante 4 liñas STM1 de 155 Mbps de capacidade.
Dende Código Cero queremos reflectir outra novidade arredor do programa PADRE que, anuncian dende a Axencia Tributaria e reflicten medios como eldiario.es, na vindeira campaña da Renda tamén estará dispoñible en dispositivos móbiles. Asumindo que os certificados dixitais da FNMT se poden instalar en iOS e Android, as declaracións da renda do ano que vén poderanse presentar con certificados dixitais e dende smartphones. Á marxe da declaración da Renda, unha das certificacións máis rechamantes da AEAT é a da homologación de software de dixitalización certificada de facturas. Segundo indica a propia Axencia, “o obxectivo é emitir unha referencia de homologación, que irá incluída como metadato na factura dixitalizada. O procedemento, por tanto, só é válido para pasar facturas en soporte papel a imaxe nos termos que se describen na normativa correspondente”. Captio é unha aplicación española que naceu hai dous anos e dispón de 50.000 usuarios rexistrados, permite dixitalizar facturas e conta co devandito certificado da Axencia Tributaria.
Alén disto, o gran reto da Axencia Tributaria é a integración cos certificados dixitais que expide a fábrica Nacional da Moeda e Timbre, cuxa correcta instalación require de moito tempo e ás veces sorte. Se cadra este foi un dos motivos polos que a Axencia Tributaria vén de lanzar este ano o programa PIN24H, onde se certifica ao cidadán cun usuario e contrasinal que el elixe e a AEAT confirma a través dun código PIN enviado por SMS ao dito cidadán.
