A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que organiza o CPEIG este venres en Santiago vai ter un acontecemento previo na xornada do xoves. Máis polo miúdo na sede en Fontiñas da Escola Galega de Administración Pública, onde Francisco Garcíar Morán, conselleiro xefe en TIC da Comisión Europea, impartirá unha conferencia sobre oportunidades de negocio nas institucións da Unión Europea. Será como dixemos na EGAP a partir das seis da tarde e insírese no programa de actividades da dita Noite.
O relator realizará unha breve descrición da UE e as súas institucións, ademais de analizar a Axenda Dixital Europea. Así mesmo, informa o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), abordará a organización informática das institucións da UE, en particular a da Comisión Europea. Por outra banda, García Morán tamén analizará as ferramentas para a Gobernanza TIC, a xestión de proxectos e de servizos e o desenvolvemento de sistemas de información. Finalizará o relatorio afondando na cuestión da adquisición de produtos e servizos.
Lembrar que García Morán é un dos persoeiros recoñecidos este ano polos integrantes do CPEIG. De feito, ao día seguinte, no marco da Noite, recibirá o Premio Traxectoria Profesional, que concede anualmente o CPEIG. Francisco García Morán é licenciado en Matemáticas pola Universidade de Sevilla e en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid. A súa traxectoria comezou como profesor e enxeñeiro de Informática na Universidade de Sevilla. Despois de traballar durante varios anos no departamento de Informática do Ministerio de Educación e Ciencia e como responsable de diversos servizos informáticos na Xunta de Andalucía, incorporouse á Comisión Europea en 1986, onde continuou traballando na área da Informática.
En 2001 foi nomeado director de Informática da Dirección Xeral de Persoal e Administración. Foi artífice da creación da Dirección Xeral de Informática, encargada da definición da estratexia TI da Comisión Europea, da que foi responsable a partir de novembro de 2005 ata febreiro do pasado ano. En marzo de 2013 converteuse en asesor da Comisión Europea (como xefe de Informática), centrado en áreas como o eGoberno, as estratexias dixitais e a seguridade TIC. Na actualidade traballa de xeito especial no apoio a Grecia para o desenvolvemento da estratexia dixital e do eGoberno grego.
Asemade, exerceu como responsable do programa ISA (Interoperable Solutions for Public Administrations) e, representando a Comisión Europea, formou parte do Comité de Dirección de ENISA (European Network and Information Security Agency). Amais foi membro do grupo de alto nivel HLEG (High Level E Transformation Group) do Banco Mundial e supervisor do CERT (Computer Emergency Response Team) desde 2012.
García Morán inicia este xoves as actividades da Noite da Enxeñaría en Informática do CPEIG
Compartir Este Artigo
