A firma compostelá Televés anunciou este martes que vai participar como expositora na nova edición (a número 26) do Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontología que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra durante os días 20 e 21 de xuño. Neste marco, Televés presentará a súa solución socio-sanitaria CareLife, un sistema intelixente que analiza as rutinas e hábitos de vida dunha persoa para obter e establecer perfís que faciliten o seu seguimento e control a distancia. O sistema, engade a empresa, está baseado nas novas tendencias de Ambient Assisted Living (AAL) e ten por obxectivo “o coidado e a mellora da calidade de vida dos maiores e das persoas dependentes”.
E faino a través da filosofía e da metodoloxía do envellecemento activo. En palabras de Sara Rodríguez, responsable de Negocios Smart Networks de Televés, CareLife “é a solución para envellecer con calidade, participando activamente na comunidade e con autonomía”. Este servizo, inserido no ámbito do Fogar Dixital, será amosado polo miúdo por Televés no marco do congreso de Pontevedra. Así, amais de desenvolver unha demostración de CareLife, Televés acudirá ao evento con solucións concretas aplicadas ao sector xeriátrico para o despregue de novos servizos de alta velocidade sobre as redes de telecomunicacións existentes (coaxial, fibra óptica ou rede eléctrica) e baseadas en tecnoloxías preparadas para dar servizos de telecomunicación de acordo ás liñas marcadas pola Axenda Dixital Europea para o desenvolvemento do Fogar Dixital.
Televés presentará en Pontevedra as posibilidades para o envellecemento activo de CareLife
Compartir Este Artigo
