Xa quecen motores os Mundos Dixitais, para quen non o saiba o gran encontro galego da animación, os efectos dixitais e as realidades alternativas virtuais. A cita será en Palexco, na Coruña, entre o 3 e o 5 de xullo. O programa pinta máis que ben, xa que contará (entre outros) coa participación de profesionais tan recoñecidos nos devanditos ámbitos da maxia audiovisual como Christopher O”Really, Daniel M. Lara, Tony Micilotta, Paul Debevec ou Mike L. Murphy. Por outra banda, Mundos Dixitais tamén dará acubillo á presentación de iniciativas concretas, con nomes propios e arestora en fase de estrea ou pre-estrea, do ámbito da animación e os efectos dixitais, é o caso da nova entrega sobre Mortadelo e Filemón, cuxo director, Javier Fesser, acudirá á Coruña para falar en detalle desta película en 3D.
Por outra banda, o encontro servirá para amosar os segredos técnicos de filmes recentes tan destacables dende tódolos puntos de vista (puntos de vista técnicos pero tamén puramente cinematográficos e artísticos) como Gravity de Alfonso Cuarón ou a última achega de X-Men, de Brian Synger. Amais do devandito, o programa de actividades completarase cunha importante achega de relatorios sobre arquitectura dixital, efectos especiais e animación.
Os creadores de Mortadelo e Filemón 3D, X-Men e Gravity participarán en Mundos Dixitais
Compartir Este Artigo
