Finalmente celebrouse este domingo en Santiago, na praza de Cervantes, a presentación dunha nova plataforma galega de índole creativa, de nove Reverbas, acubillo dixital e independente para a difusión de contidos artísticos e culturais de actualidade. A páxina en cuestión, informan os seus impulsores, xa está dispoñible dende este mércores. O acto de presentación contou coa presenza do equipo responsable da posta en marcha desta iniciativa e dunha actividade complementaria de creación cultural en si mesma: a materialización dun graffiti en vivo da man de De festa en festa.
Reverbas nace como un Traballo de Fin de Grao do curso 2013-2014 de quince estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O seu propósito é “o de sacar á superficie toda unha cultura xuvenil subterránea que non prospera nos medios tradicionais de difusión”, sinalan. A plataforma encamíñase basicamente a satisfacer a demanda de contidos “novidosos e de calidade” de boa parte do público galego. Ofrece polo tanto achegas musicais, documentais e de arte na rúa, expresións que contan cun importante público potencial na nosa terra. “Ao longo da actividade da nosa iniciativa”, informaron os seus impulsores, “iremos contando coa colaboración de artistas de renome, como Cristina Pato e Iván Ferreiro, pero o que de verdade nos importante é lanzar novos talentos”.
Por certo que o nome de Reverbas é un xogo de palabras que vai dende a reverberación do son ata a fonética inglesa de reverb us, termo que significa “fainos eco”, “difúndenos”.
En marcha Reverbas, nova plataforma galega de cultura independente e xuvenil
Compartir Este Artigo
