Tras acordar facerse co control de Digital Plus adquirindo o 56% do seu capital social ao Grupo Prisa, Telefónica busca completar a operación, de xeito que agora realiza unha oferta a Mediaset para facerse co 22% da participación desta compañía, o que permitiría que o 100% da plataforma televisiva de pagamento pasase a ser do operador de telecomunicación.
Até o momento, Telefónica ofreceu 750 millóns de euros a Prisa (operación pendente de completarse) e a Mediaset ofreceríalle 295 millóns de euros (que poderían incrementarse en 10 millóns de euros se consegue o 100% das participacións e outros 20 millóns de euros en función dos resultados da compañía nos vindeiros catro anos).
Coa oferta a Mediaset Telefónica non só busca facerse co total da plataforma televisiva, senón tamén facer que Mediaset rexeite ao seu dereito de adquisición preferente sobre a participación de Prisa (concepto polo que pagarán 30 millóns de euros).
Esta operación aínda está pendente da autorización por parte das autoridades de competencia e das entidades bancarias que financian Prisa.
Telefónica tamén quere facerse coa participación de Mediaset en Digital Plus
Compartir Este Artigo

