Cando se fala de descargas de material audiovisual a través da Internet é habitual dicir, sen fundamentos reais, que España está á cabeza do mundo, pero agora un informe de MarkMonitor sobre as descargas a través de redes P2P permítenos botar unha ollada sobre as descargas irregulares relativas ás estreas cinematográficas, desvelando detalles que, se ben colocan a España na quinta posición na porcentaxe de infraccións de copyright rexistradas, teñen aos propios EE.UU. nunha segunda posición, o que podería pór en dúbida os argumentos que sosteñen que a lexislación é a solución ante este problema para a industria audiovisual (pois nos EE.UU. a lexislación si é moi restritiva e, de feito, é a súa industria a que exerce presión sobre os gobernos europeos para endurecer a lexislación local).
Menos sorprendente é o país que lidera as descargas, que non é outro que Rusia, país no que este comportamento é unha constante histórica, froito en boa media ás dificultades que ten á súa poboación para acceder ás estrea cinematográficas. Outros países con un índice de descargas irregulares superiores ao caso español son Italia e Brasil.
Concretando, MarkMonitor rexistrou máis de 150 millóns de infraccións de copyright, das que o 14,54% corresponderían a Rusia, o 8,33% aos EE.UU., o 7,04% a Italia, o 5,81% a Brasil e o 4,2% a España.
Ao cinguirse este informe a descargas de filmes de Hollywood, xunto á baixa penetración da Internet en certos territorios, enténdese que países como China non lideren as descargas, o que fai que este estudio tampouco poida considerarse moi representativo da piratería audiovisual global, xa que está feita dende un punto de vista moi estreito (deixando a un lado o cine que non pertence a Hollywood, as series de televisión e os sistemas de descarga alternativos como a descarga directa).
Rusia lidera as descargas cinematográficas a través de P2P
Compartir Este Artigo

