Imaxe dun gameplay de Titanfall a 60 fpsOs xogadores de videoxogos estarán encantados de recibir unha grande actualización da que YouTube está a dar conta, pois o servizo de vídeos de YouTube está a incorporar novas funcionalidades entre as que destaca especialmente a posibilidade de amosar vídeos a 60 fotogramas por segundo, o que resulta especialmente atractivo para os usuarios que queren compartir secuencias de partidas de videoxogos con grande acción (aínda que esta prestación polo momento só pode verse nos vídeos de exemplo, pois tardará uns meses en estar dispoñible para todos os usuarios).
O trailer de Battlefield Hardline visto a 60 cadros por segundo
Xa podemos descargar o Estudio de YouTube dende dispositivos con AndroidPero esta non é a única novidade que YouTube está a engadir, resultando tamén moi importante a estrea da nova aplicación Estudio de YouTube, que xa podemos descargar dende Android (e chegará a iOS nas vindeiras semanas) e que permitirá que os creadores de contidos poidan xestionar a súa canle de YouTube en mobilidade, o que resultará de especial interese durante o período estival; a biblioteca sonora de YouTube inclúe tamén agora, aparte de música, efectos de son, para poder enriquecer os vídeos; permitirá que os autores poidan inscribirse nun programa que permitirá que, polo momento, os espectadores de EE.UU., México, Xapón e Australia poidan realizar contribucións económicas voluntarias ás canles de YouTube (o que pode ser unha fonte de financiamento continua, en contraste coas campañas de micromecenado); potenciarase a acreditación de colaboradores nos vídeos; permitirá que os seareiros contribúan aos vídeos con subtítulos (ideal para facilitar a súa localización internacional); mellorarase o xeito de amosar anotacións sobre os vídeos; e crearanse novos xeitos de crear listaxes de reprodución.
Xa podemos ver como é o multi-xogador de Titanfall a 60 fotogramas por segundo en YouTube