O micromecenado está a ser de grande utilidade para facer posibles proxectos audiovisuais como documentais moi especializados, como o reputado Indie Game: The Movie, e na mesma liña está a buscar xuntar 100.000 dólares a través de Kickstarter unha nova produción, App: The Human Story, unha obra que busca narrar o fenómeno das aplicacións móbiles que supuxeron toda unha revolución nos últimos anos.
Entre os profesionais que contarán a súa experiencia nesta peza figuran Marco Arment (Tumblr, Instapaper), Lisa Bettany (Camera+), Cabel Sasser (Audion), Layton Duncan (desenvolvedor de apps para iPhone dende antes da creación da App Store) e moitos outros, entre os que figuran tamén desenvolvedores independentes pouco coñecidos, aínda que cunha clara orientación a iOS.
Os interesados en facerse con este documental en formato descargable en alta definición poden apoiar o proxecto que prevé ver a luz en decembro pagando 25 dólares (18,37 euros), existindo a posibilidade de realizar achegas de distinta contía, destacando o feito de poder facerse con entrevistas íntegras (para o que pode pagarse ata 300 dólares).
Vídeo promocional deste proxecto en Kickstarter

