
A investigación da que estamos a falar titúlase TIC para a inclusión de alumnado con necesidades específicas e de apoio educativo e vén da man do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. Ao seu abeiro compílanse experiencias que amosan como as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) poden axudar “a superar as limitacións e a procurar a autonomía” das persoas con necesidades educativas específicas. Segundo explica a profesora, “na escola desenvólvense determinados procesos que favorecen a inclusión e, á súa vez, outros procesos que contribúen ou poden fomentar a exclusión e a marxinación, de aí a importancia que neste volume se lle outorga ás prácticas educativas inclusivas”. Estas prácticas son, para Martínez-Figueira, “o medio máis eficaz para combater as actitudes discriminatorias”, un labor de combate que as TIC, sinala, poden desenvolver á perfección. De feito, di, están xa probados e demostrados os seus beneficios na procura dunha educación inclusiva, favorecendo a comunicación entre compañeiros e co profesorado e achegando marxe para a formación individualizada e adaptada ás características de cada quen. Ao remate de todo isto, explica, mesmo se pode loitar de cheo contra o fracaso académico e persoal.
No manual que coordina Martínez-Figueira tamén participan Manuela Raposo, Isabel Doval, Antía García, Tania Garrido, Lourdes Estévez, Ana Belén Salgado, Sheila Caride e Fernando Tellado. Segundo fan saber os responsables da obra, o seu obxectivo foi fornecer “un punto de referencia para o uso activo das TIC no ámbito do ensino”, dirixido tanto a persoal docente como ao alumnado, así como aos familiares de persoas con necesidades especiais de apoio educativo.
A UVigo amosa un completo manual sobre o poder das TIC para favorecer unha educación inclusiva
Compartir Este Artigo
