Case con toda probabilidade a Deputación de Lugo é hoxe en día unha das administracións de todo o Estado que mellor entende os conceptos de eAdministración e participación cidadá na vida pública a través das novas tecnoloxías da información. Isto vén a conto por varios motivos, pero principalmente pola posta en marcha dunha iniciativa que se dirixe, directamente, a posibilitar a concorrencia da veciñanza nas decisións do organismo provincial. Cousas como por exemplo aprobar uns orzamentos. Por certo que os veciños dos 67 concellos da provincia xa poden facer isto precisamente -participar na elaboración dos orzamentos da Deputación dende Internet- a través dunha web cuxo nome fala por si só: orzamentosparticipativos.org.
A Deputación anunciou estes días que o seu obxectivo é que concorra a maior cantidade de lucenses maiores de 16 anos na elaboración dos presupostos para 2015. O labor colectivo canalízase xa través do devandito portal, operativo dende finais de xuño e aberto ás nosas achegas ata o 10 de setembro. Nel, os lucenses xa poden opinar “sobre cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades de orzamento da Deputación”. Poden facelo dende xa, indica o organismo provincial, que engade que a participación dos veciños é independente da celebración das xuntanzas participativas nos nove partidos xudiciais (xuntanzas que xa se celebraron en Fonsagrada, Viveiro e Chantada). Ou sexa, que as opinións pódense verquer nas xuntanzas participativas pero tamén (sen seren excluentes) no devandito portal, e mesmo nas redes sociais.
En base ao manifestado polos cidadáns, unha comisión técnica da Deputación será a encargada de realizar un informe sobre viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Posteriormente, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. “Todo isto”, sinala a organismo provincial, “para que o 1 de xaneiro entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España”.
A Deputación de Lugo quere ser a primeira do Estado en elaborar uns orzamentos cen por cen participativos
Compartir Este Artigo
