
A nova edición do curso, que como dixemos arrancou este martes da man do campus de Ourense, ten como obxectivo ofrecer unha panorámica do audiovisual galego actual (da súa creatividade en temas, xéneros, linguaxes, formatos e canles) pero tamén de homenaxear os 25 anos de historia que transcorreron desde as primeiras longametraxes galegas. De feito, a actividade formativa desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Audiovisual en Galicia: 25 anos de presente.
Ao longo das súas sesións falarase de temas como as comedias de situación, as producións de baixo custe, as novas fórmulas de financiamento colectivo, as series feitas para Internet e os novos formatos documentais, e de títulos como Idiotas, 3-1=0, Clases de lo social, Inevitable, Toñito Blanco só, perdido e vicioso e Los increíbles.
Por certo que unha boa parte dos seus destinatarios están a ser alumnas e alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, que elaboraron para a ocasión Interfecto, cuxo primeiro capítulo foi proxectado este martes, entre outras presentacións audiovisuais. Interfecto vén da man do alumnado do campus de Pontevedra no marco do Taller Audiovisual do curso, titulado Celanova plató de ficción. A estrea do primeiro capítulo (un de tres) culmina unha semana de gravación na localidade ourensá. A xuízo de Paulino Pérez, docente responsable da dirección do dito obradoiro, “foi unha semana de traballo moi intensa pero tamén divertida”. De feito, sinalou, “xestionar a convivencia, o traballo en equipo contra o reloxo e conseguir rematar un produto para a súa proxección é unha tarefa ardua pero tamén apaixonante”. Os capítulos de Interfecto, que están ambientados nunha chea de recantos de Celanova, teñen unha duración de dez minutos cada un. Trátase dunha historia de suspense arredor dun estraño asasinato, sinalaron os seus responsables, os estudantes Biby Jacob, Paola Carballo, Iago Souto, Pablo Dapena, Tahía Pérez, Lucía Estévez, Bernabé Carrillo, Nerea Sarmiento, José Luis López, María Comesaña, Diego Varela, Alberto Vázquez, Raisa Abal e Laura Pintos.
Os capítulos, que se emitirán en días sucesivos do curso, poden verse na web do proxecto e tamén serán emitidos a través da canle UVigo TV.
Ábrese o Curso de Medios Audiovisuais de Celanova coa presentación da webserie Interfecto
Compartir Este Artigo
