Na relación entre clientes e operadoras, por moito que se teña avanzado en ampliar e garantir os dereitos dos primeiros, aínda queda moito por facer. Esta semana, de feito, puidemos saber que os usuarios de servizos de telecomunicacións son castigados con ata 30 euros en caso de terse rexistrado un adiamento no pago dunha factura. Isto en realidade non é novo e non nos debera coller por sorpresa: está incluído nese recuncho dos contratos onde colle todo, a letra pequena.
Segundo informan as asociacións de consumidores, canto maior sexa a compañía, maior adoita ser a recarga infrinxida por non ter pagado a tempo unha factura (alén do seu vencemento). Esta recarga pode chegar aos 30 euros nalgúns casos, engádese, sobre todo nos relacionados con algunha das operadoras maioritarias (Movistar, Vodafone e Orange). No lado oposto estarían firmas como Yoigo, que cobra 12,10 euros polo devandito, ou Jazztel, que só cobra un euro, ou mesmo as operadoras alternativas como Pepephone que ao parecer non aplica sanción algunha senón que pon en xogo suspensións temporais do servizo.
Organizacións como FACUA anima aos clientes de telefonía a que denuncien as compañías que infrinxan comisións abusivas por non pagar a tempo os recibos. Segundo argumentan, “o castigo é desproporcionado co feito acontecido”, como recolle a Lei Xeral para a Defensa dos consumidores e usuarios. O problema é que se trata de prácticas derivadas de condicións de contrato aceptadas polo cliente, aínda que este non teña consciencia disto, polo que é difícil que os usuarios teñan a razón legal da súa parte.
Denuncian que as operadoras chegan a cobrar ata 30 euros por adiamentos no pago de facturas
Compartir Este Artigo
