
A proposta, desenvolvida a finais de agosto, permitiu compartir imaxes e actividades educativas para os estudantes. O valor da experiencia foi ben destacable, non só porque se aproximou o afastado, senón polo abraiantes que son en si mesmos estes fenómenos (cortinas de luz cambiantes e de diferentes tonalidades).
Entre as institucións que colaboraron na retransmisión, amais do CESGA, atopáronse o Exército de Terra do Mando de Canarias (que despregou o sistema de satélites para as comunicacións en Grenlandia) e os centros de supercomputación CETA e CSUC, que xunto co centro galego replicaron o portal da retransmisión. Tamén achegou o seu apoio e máxima colaboración a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía FECYT.
O feito de ter elixido esta época do ano para permitir a contemplación en directo destes fenómenos non foi casual. De feito, este é o intre ideal para a observación, xa que o Sol amosa unha alta actividade de seu, e é precisamente esa actividade a que produce as auroras.
Segundo nos contan fontes do IAC, GLORIA é “un innovador e ambicioso proxecto de ciencia cidadá” que dará acceso libre e de balde a unha rede de telescopios robóticos a través dunha interface web. O instituto canario participou no proxecto a través do Telescopio Aberto Divulgación (TAD). As observacións leváronse a cabo en varias quendas. Estas corresponderon aos traballos da expedición Shelios 2014, coordinada polo investigador do IAC Miquel Serra-Ricart. Ao abeiro desta expedición, comprendida entre o 23 e o 29 de agosto, observáronse auroras boreais dende o sur de Grenlandia (primeira quenda) e dende Islandia (segunda). Podemos ver vídeos e imaxes sobre o seu traballo no portal sky-live.tv. O primeiro emprazamento de Grenlandia está situado nos arredores do glaciar Qaleraliq (lonxitude = 46.6791W; latitude = 60.9896N) o segundo nunha granxa de Tasiusaq e o terceiro no poboado de Qasiarsuk (Hostal Leif Eriksson). A segunda localización foi Islandia, os días entre o 26 e 28 de agosto do 2014.
Nas conexións en directo empregouse durante unha hora unha cámara Canon 5D-MII apuntando cara ao ceo co obxectivo de transmitir unha secuencia de vídeo dos movementos, en tempo real. Asemade, tódalas noites, ao longo dunha hora e cada minuto, cambiouse a imaxe do ceo estrelado para manter actualizado o portal da emisión. Para a obtención das imaxes usáronse dous cámaras Canon 5D Mark II (cor), con lentes idénticas (separadas un mínimo de 1 quilómetro e un máximo de 50 quilómetros).
O porqué das auroras boreais e austrais
Este fenómenos celestes prodúcese cando partículas moi enerxéticas orixinadas no Sol (vento solar) acadan a atmosfera terrestre. A entrada destas partículas está gobernada polo campo magnético terrestre e, por esta razón, só poden penetrar polo polo norte (auroras boreais) e o sur (auroras austrais). As auroras están formadas por inmensas cortinas luminosas, rapidamente cambiantes e de varias tonalidades. A emisión de luz prodúcese en alta atmosfera (entre 100 e 400 quilómetros) e débese aos choques do vento solar (esencialmente electróns) con átomos de osíxeno (tons verdosos) ou moléculas de nitróxeno.
O proxecto GLORIA
GLORIA é un proxecto de ciencia cidadá co que se pretende investigar astronomía aproveitando a intelixencia colectiva da comunidade. Para iso daráselle oportunidade a todos os internautas de colaborar. Agora mesmo os usuarios poden contribuír no cálculo da actividade solar mediante imaxes da superficie solar (fotosfera) obtidas co telescopios da rede. “Nos vindeiros meses”, contan dende o IAC, “acontecerán novos eventos e noticias interesantes en GLORIA”.
O CESGA achegou tecnoloxías de seu para acadar a retransmisión en liña de auroras boreais
Compartir Este Artigo
